ESTUDO

O turismo en España no primeiro terzo do século XX

O estudo é de Rafael Vallejo xunto con Elvira Lindoso e Margarita Vilar

Rafael Vallejo, Margarita Vilar e Elvira Lindoso, autores do estudo.
Rafael Vallejo, Margarita Vilar e Elvira Lindoso, autores do estudo.
O turismo en España no primeiro terzo do século XX

Non foi ata a década de 1960 cando España acadou a condición de país turístico líder. Antes diso, tense identificado una etapa de despegue na década anterior e unha pouco coñecida fase previa, no primeiro terzo do século XX, na que se sentaron as bases para o desenvolvemento posterior deste sector, hoxe central, da economía estatal. Diversos especialistas identifican nesas tres primeiras décadas do século pasado unha etapa de fermento turístico, pero atópanse cunha dificultade á hora de analizala, a falta de cifras e estatísticas reais, xa que a información básica do sector comezou publicarse en 1929. A esa lagoa enfrontáronse o profesor Rafael Vallejo, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, e as docentes da Universidade da Coruña, Elvira Lindoso e Margarita Vilar, membros do grupo Turhisgal.

O seu traballo recóllese nun artigo titulado “Los antecedentes del turismo de masas en España. 1900-1936” publicado na Revista de la Historia de la Economía y de la Empresa nun monográfico sobre turismo que recolle investigacións de universidades de España, Grecia e Italia. Trátase dun estudo innovador porque enche un baleiro de información estatística estándar con anterioridade á década de 1930 e, para facelo empregaron fontes cuantitativas alternativas, como a Estatística Administrativa da Contribución Industrial e de Comercio, os Anuarios financeiros das Sociedades Anónimas, as cifras do Patronato Nacional de Turismo, o Anuario Estatístico de España, etc.

Unhas das principais novidades desta investigación foi o uso das hemerotecas dixitais da prensa escrita da época para elaborar un Índice de Intensidade Mediática do Turismo e outro sobre o Balnearios. Este xeito realizaron unha medición do número de aparicións nos xornais do termo turismo, é dicir, cuantificar as palabras e saber que presenza nos medios tivo o fenómeno.