UNIVERSITAS

Xisela Franco gaña cos “Cronocinemas" a bolsa de produción ArtistAS 2015

gal01_result
photo_camera Xisela Franco gaña a bolsa de produción ArtistAS 2015.

Despois dun século de historia, o cine redefínese dentro da explosión de posibilidades que trouxo a revolución dixital.

Reivindicar o papel do cine dentro da arte contemporánea. Ese será o obxectivo de Cronocinemas, o proxecto co que Xisela Franco acaba de gañar por unanimidade a bolsa de produción ArtistAS 2015, unha iniciativa conxunta da Unidade de Igualdade da Universidade e do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo que lle permitirá traballar "con tempo e recursos" nunha exposición individual enmarcada na programación do Anexo do Marco do vindeiro ano. "Como nai e cineasta que pelexa diariamente por sobrevivir no audiovisual e que fai un tipo de cine máis artístico como necesidade expresiva, este premio supón un recoñecemento que posibilita presentarme con ilusión nun espazo de arte contemporáneo de alto nivel", asegura a galardoana, unha cineasta e investigadora cunha ampla traxectoria no eido do documental e do cinema experimental.

Despois dun século de historia, o cine redefínese dentro da explosión de posibilidades que trouxo a revolución dixital. O interese crecente a nivel teórico polo cine primitivo, polos inventos pre cinematográficos e polas súas posibilidades pictóricas é o que levará a Franco a crear Cronocinemas, un proxecto centrado no cinema de proceso no que "a propia obra vai tomando forma no propio traballo de creación, tanto na rodaxe como na montaxe, sen un guión predefinido". Tomando como referencia os traballos de cronofotografía de Muybridge ou Marey, o zootropo, o traumatropo, o fenaquisticopio e outros dispositivos fotográficos que posibilitaron a captura da imaxe en movemento, Xisela Franco incluirá no seu proxecto expositivo unha serie de proxeccións "centradas no estudo da locomoción humana", dos animais e dos obxectos.

Serán distintos movementos capturados e proxectados "a cámara moi lenta" nunha presentación de escenas ou accións que busca descontextualizar estes xestos e instalalos como unha colección de películas curtas que se inspiran "nos primeiros estudos da biomecánica da locomoción". Vindo da tradición e da experiencia documental, a cineasta foi orientando o seu traballo "cara o documental de creación, buscando a poética do cotiá, desprazándome tamén ao cine diario, en primeira persoa, de autor… así como á propia materialidade do negativo ao traballar fisicamente con formatos como o Super8 ou os 16mm que revelo a man de xeito fotográfico e pictórico".

Te puede interesar
Más en Universitas