DEREITO DEPORTIVO

Xogadores, directivos e árbitros reclaman máis comunicación

Non é doado que xogadores de fútbol, representantes de clubs e árbitros teñan unha opinión coincidente en algún tema relacionado con este deporte.

David Pérez, Mª José Bravo Bosch, Sergio e Felipe Miñambres.
David Pérez, Mª José Bravo Bosch, Sergio e Felipe Miñambres.
Xogadores, directivos e árbitros reclaman máis comunicación

Non é doado que xogadores de fútbol, representantes de clubs e árbitros teñan unha opinión coincidente en algún tema relacionado con este deporte. Pero nas II Xornadas sobre Dereito Deportivo o director deportivo do RC Celta, Felipe Miñambres; o xogador Sergio e o árbitro de 2ª división David Pérez si atoparon un punto de encontro no debate sobre o exceso ou defecto das normas no mundo do fútbol. “Non existe un exceso de regulación, posiblemente esteamos nun punto de equilibrio grazas aos cambios constantes que eliminan unhas normas e crean outras segundo as necesidades”, explicaba Miñambres, “o que si se percibe é unha falta de comunicación entre árbitros, xogadores e clubs á hora de coñecer esas normas, a súa interpretación e a súa aplicación”, expresaba o porteiro do RC Celta de Vigo, Sergio.

Neste sentido destacaban que o problema non reside no número de normativas, senón na falta de coñecemento sobre as mesmas, “nin o público nin os xogadores moitas veces teñen claro como os árbitros as van interpretar e, polo tanto, non saben a que aterse”, puntualizada o gardameta do Celta. Para abordar esta situación “o óptimo sería incrementar a comunicación e o contacto entre os árbitros e os clubs”, engadía Felipe Miñambres.