Domingo Diéguez:  "A economía de toda a comarca xira  case ao redor da estación de montaña"

Domingo Diéguez Gozález, alcalde de A Pobra de Trives, cumprirá no 2019 doce anos no mundo da política

Domingo Diéguez González, alcalde de Trives.
Domingo Diéguez González, alcalde de Trives.
Domingo Diéguez:  "A economía de toda a comarca xira  case ao redor da estación de montaña"

Cando remate a actual lexislatura, no 2019, Domingo Diéguez Gozález cumprirá doce anos no mundo da político. Xunto co seu predecesor na Alcaldía de A Pobra de Trives foi fundador da Agrupación Trivesa Independiente (ATI). En decembro foi elixido alcalde, trala renuncia de Francisco José Fernández Blanco.

Por que renunciou o seu predecesor no cargo?

É un tema no que quero pasar páxina. Por razóns que considero persoais, penso que a sucesión era imprescindible.

O anterior alcalde, ao despedirse, falou da súa posible incorporación ao PP. Hai algún achegamento a PP ou PSOE?

Nunca podes dicir nada, nin apostar polo que pode ser nun futuro, mais hoxe non procede nin contemplar ningunha opción dese tipo. Non houbo nada, nin hai nada por riba da mesa, nin nada que me faga falar diso. Por dúas razóns: porque non houbo contactos con eles e porque esa posibilidade a plantexou Francisco José Fernández e considero unha falta de respeto á xente que agora mesmo integra eses partidos. Dá a sensación de que ninguneamos ás súas directivas e á xente que representan, cando non hai ningún argumento sólido que permita pensar niso.

A oposición non viu excesivamente mal a súa chegada a alcaldía. A que o atribúe?

Non sei. O anterior alcalde, se cadra, era unha persoa de trato difícil coa oposición. Igual non estaban moi satisfeitos coa súa forma de xestionar. De tódalas formas, a min preocúpame cando a oposición se alegra.

Que necesidades ten Trives?

Ten moitísimas. Con Trives hai unha débeda histórica, que ven de moi atrás, en canto a investimentos. Ten carencias de infraestruturas, moi acentuadas por un abandono de moitos anos e xeralizado. Trives necesita ser tida en conta.

Fai algún tempo, varios concellos crearon unha comisión para reclamar infraestruturas. Que foi dela?

Era uha comisión de seguimento de infraestruturas. Eu fun quen tentou poñela en marcha para que  infraestruturas comúns dos concellos da comarca se puxeran sobre un papel. Tiñamos que estar integrados os alcaldes  e tamén Xunta e Deputación. Se pretendía que en todos os seus presupostos e exercicios, a comarca fose tida en conta. Penso que a comisión foi mal interpretada e que se pensou que ía ser unha comisión para facer política partidista e. Non era así. A comisión non foi adiante, mais eu penso que, a día de hoxe, é necesaria. Non creo que fose un desacerto, mais ao mellor ten que nacer con outro cariz.

Como afronta o problema das comunicacións? Segue reivindicando o acceso á N-120?

O problema das comunicacións nos está lastrando. En adiante, a nosa laboura vai ser tratar de que alguén nos escoite. É unha reivindicación de interese supramunicipal e penso que todos debemos tirar no mesmo sentido, senón vai ser moi difícil conseguir que algún día podamos mellorar os accesos a N-120. Falamos dela porque é a estrada de certa importancia que nos acerca á Meseta.

E a da estación de montaña?

Agora mesmo, hai un certo interese pola estación de montaña. No acceso, é certo que nos últimos anos houbo unha serie de melloras, que están sin completar pois falta apenas un quilómetro. Estamos reclamando unha mellora do firme na zona que foi ensanchada e tamén que se pinte, pois en días de néboa xera moito perigo. Según as conversas coa Deputación, semella que hai un interese claro de rematar ese tramo. É moi importante, e cremos que ese interese pode ser real cando vemos que se está  investindo arriba, na estación de montaña.

Que supón a estación de montaña para Trives?

É un dos principais focos de inxección económica para a comarca. Aparte dos empregos directos que xera é unha fonte de riqueza, sobre todo en época invernal, cando hai unha gran afluencia de turistas. Non me atrevería a dicir que a economía da comarca xira ao redor da estación, mais casi. É un tema que temos que apoiar. Debemos reivindicar que outras administracións o apoien e neste momento vemos que si están apoiando. Somos optimistas respecto a este tema.

Mellorará moito cos novos canóns de innivación artificial?

Debemos ter a esperanza de que funcionen. Non vai ser un milagre. Non é tocar un botón. É un complemento que en épocas nas que neva e hai certa temperatura pódense implementar máis quilómetros de pistas e será un complemento máis para a estación.

Falenos da importancia do turismo para o Concello.

Temos que mimar ao sector turístico e traballar moi duramente nese ámbito, mais é certo que se ben mellorou, queda moito por traballar. Agora mesmo, Trives, en infraestruturas turísticas, está moi precarizada. Temos que mellorar na imaxen, nos servizos e en todo tipo de infraestruturas e campañas.

Como é a situación dos gandeiros e agricultores?

O sector gandeiro e agrícola é de gran interese. Sempre foi un sector castigado e hai que ter en conta a gandeiros e agricultores, potencialos e axudalos. Temos que facer un esforzo importantísimo en potenciar o sector primario.

Que prioridades se fixou como alcalde?

A miña prioridade é ser capaz de manter os servicios básicos: auga, luz, alcantarillado e necesidades primarias dos veciños. Despois hai un montón de cousas que temos que mellorar: remodelar o polideportivo; renovar as piscinas; reparar a calefacción da Casa da Cultura; mellorar o deteriorado alumeado público e facer investimentos en aforro enerxético.