Erea Seoane: "Viana significa tranquilidade, casa, amigos, comida, festa e felicidade"

Erea Seoane Villasante.
photo_camera Erea Seoane Villasante.

Erea Seoane Villasante é administrativa e comercial residente en Ibiza, pero sempre volve a Viana

Esta vianesa de pura cepa decidiu hai oito anos marchar a Ibiza na busca dunha mellora laboral. Alí formou a súa familia pero a localidade vianesa sempre será a súa verdadeira casa. Volve a ela cada vez que os seus compromisos profesionais llo permiten, e cando o fai, aproveita para gozar da familia, dos amigos e do ambiente familiar que ofrece o municipio vianés. Erea Seoane teno claro, o seu fogar está en Galicia, concretamente na Terra do Bibei.

Por que volve sempre que pode?

Volvo a Viana sempre que podo, mellor dito cada vez que teño vacacións, este ano tiven a sorte de vir polo Entroido e o verán. Volvo porque aquí teño a toda a miña familia e os meus amigos de sempre, é coma estar na casa en calquera parte do pobo.

Que é o que máis valora desta localidade?

A forma de vida que ten Viana, todos nos coñecemos e nos axudamos. Preocupámonos uns polos outros, cousa que nunha cidade non pasa, non vas pola rúa e coñeces a todo o mundo, e a xente é máis independente.

Que significa para vostede Viana?

Viana para min significa casa, amigos, tranquilidade, felicidade, comida e festa. 

Que o que máis estraña da cidade?

Estrañar en si nada, pero a verdade é que moitos servizos esenciais nunha cidade están máis a man que nun pobo, xa que sempre se hai que desprazar para calquera xestión importante.

Cales son as principais diferenzas que encontra entre a cidade e o entorno rural? 

Unha das principais diferenzas é a oportunidade laboral xa que na cidade sempre hai máis posibilidades, aínda que agora está axudando moito o teletraballo que permite que podamos gozar do rural e ter máis oportunidades. Outra das diferenzas é a forma de vida, o rural é moito máis familiar que nunha cidade. A forma de relacionarse nunha cidade, onde non coñeces a todo mundo, é distinta. En Viana saes polo pan, por exemplo, e coñeces á gran maioría de persoas.

Regresaría nun futuro a Galicia para establecerse definitivamente?

Hai un momento importante no que pensas sobre esta cuestión. Por exemplo, cando te vas, a idea é volver en pouco tempo, ou polo menos esa era a miña. Por circunstancias acabas estando máis tempo fóra, incluso formando unha familia lonxe, como foi o meu caso. Pero aínda así, sempre teño como meta regresar. Ao mellor, non nun futuro próximo porque en Ibiza teño unha familia, pero si é a idea final. Gustaríame e quero poder volver á miña terra e vivir aquí. É un pensamento que nunca se vai.

Te puede interesar