A popular Melissa Macía revalidou o pasado 28 de maio a súa maioría absoluta. Dun total de ste concelleiros, seis deles pertencerán o Partido Popular durante os próximos 4 anos, mentres que soamente un deles será dos nacionalistas; o PSOE non acadou representación.
Revalida a súa maioría absoluta cun moi bo resultado, esperaba isto antes das eleccións?
A verdade é que non. Estamos moi agradecidos, tanto os concelleiros como eu mesma, desa maioría tan clara e de que a xente falara tan abertamente. Deixou patente a súa decisión sobre o que quería para os próximos catro anos.
Cal é a receita para esa maioría?
Realmente eu creo que non hai unha receita, pero si que é verdade que sen traballo e constancia non hai resultado. A proximidade aos veciños para atender as súas peticións e saber o que realmente precisa o pobo é esencial.
Cales son as necesidades de Vilariño de Conso na actualidade?
Basicamente infraestruturas, tanto estradas como vivendas como outros servizos. Este é o resume do que precisa agora mesmo Vilariño de Conso.
Cales serán os eixos para gobernar estes catro anos?
Vamos a centrarnos sobre todo nas infraestruturas, nesa carencia que temos, tanto de vivenda como das vías municipais e tamén emprego. Queremos fomentar o emprendemento, crear máis postos de traballo e seguir así medrando pouco a pouco.
Como lle gustaría que estivera Vilariño dentro de catro anos?
Gustaríame que duplicara poboación e que houbera moitos máis servizos a disposición dos nosos veciños.
Cal é a relación do goberno municipal coa oposición?
Realmente o concelleiro que entra do BNG xa o coñezo porque militou noutro partido anteriormente, que era Agrupación Independiente de Vilariño de Conso (Aivic), co cal xa tiven a oportunidade de estar aquí, eu de alcaldesa e el de concelleiro da oposición. Actualmente representará aos nacionalistas e para min é como un veciño máis. Non podemos dicir que temos unha mala ou unha boa relación porque dende ese partido nunca tivemos interacción con el.