David Núñez, o decorrer da vida ao tanxer das campás

Soan as campás. Hai un repique alegre. É día de festa e anima á xornada, a saír e celebrar. Soan as campás. É un tanxir lento, marcado, triste, que transmite pesar, encóllese un chisco o peito. Hai defunto. Soan as campás. É hora de xantar. Soan as campás… pero cada vez soan menos

A figura dos campaneiros, figura fundamental á hora de informar por medio do son das campás dos aconteceres dunha parroquia e marcar as horas está en perigo de desaparecer. Por sorte, hai novas xeracións, coma David Núñez que dende neno desfrutou aprendendo e tocando as campás da súa Vilanova natal. Non todos os repiques son iguais e é preciso salvargardar esta práctica ancestral declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola Unesco no 2022.

É vostede moi novo, pero xa se pode decir que é un “veterano” no tanxer das campás. 

(Risas) Se o penso ben, vou camiño de dúas décadas xa! Todo comezou porque dende moi neno axudei na igrexa. Creo que tiña tan só 6 anos e eu xa colaboraba na eucaristía en Vilanova dos Infantes, no santuario da Virxe do Cristal-, e cos anos, tamén axudei na igrexa de San Salvador, de Celanova. 
Un amigo, Javi, e máis eu sempre nos chamou a atención o de tocar as campás. Así que fomos probando, aprendendo, recollendo consellos…

 Quen foron os encargados de darlles eses consellos?

Un veciño do pobo, José Manuel, e o tristemente falecido Don Adolfo, que todos coñecen por ser vítima do roubo da orixinal e diminuta figura da Virxe do Cristal. A eles, as persoas de máis idade iban comentándonos e correxíndonos para axeitar as badaladas a cada significado.

E que consellos lle deron?

A maneira de coller os badais, os toques que había que dar, como tiña que soar… e observar moito a quen tocaba habitualmente.

Pero entendo que sen proba-erro non se aprende.

Por eso tocamos moitas veces con potas para facer unha representación (risas). Así foi como aprendemos os ritmos de cada toque. O que conta é o ritmo e a destreza que vaias collendo cos brazos. Todo ten o seu truco. 

Recorda os primeiros momentos no que tocou as campás do santuario?

Perfectamente! Javi e eu éramos tan pequenos que non lle chegábamos e tiñamos que coller cada un unha campá. 

Cando foi a primeira vez que tocou digamos xa coa responsabilidade de ser campaneiro?

Lembro que foi a tarde da celebración da Virxe do Cristal, na misa de 18,00 horas porque a persoa que viña habitualmente, José Manuel, o noso “mestre”, non puidera ir. Así que Javi e eu, aínda sen chegarlle os badais, tocamos. Case estábamos colgados delas porque éramos moi pequenos. 

E que lles dixeron os veciños?

Nin tan mal! (risas).

Co tempo perdeuse a omnipresencia do soar das campás na vida diaria das aldeas. Mágoa.

Eu sempre digo que eran como o WhatsApp daqueles tempos. Marcaban a vida da xente. Tocábase a eucaristías e festas, a defuntos e cabodanos, pero tamén a incendio, á hora do xantar para que a xente que andaba a traballar se recollese, o amencer e ao solpor, marcaban cada hora para que os veciños tivesen un reloxo sonoro do momento do día no que estaban.  

É curioso como o tanxer das campás pode alterar a tranquila rutina.

Si. Sobre todo cando se toca a defunto nunha aldea. Onde todos nos coñecemos e deseguida nos poñemos en alerta para diferenciar se o finado era home ou muller, ou averiguar quen pode ser o veciño que xa non estará máis entre nós. O son das campás lento, marcado e tristón que transmite pesar e sobrecolle.
Pola contra, o repique alegre dunha festa, unha celebración, cun ritmo máis rápido e sonoro que transmite ledicia e que parece que ergue o ánimo. 
E a incendios nunca toquei e espero non ter que facelo nunca! Pero é un son rápido e áxil. Un son que parece estar mandando unha mensaxe de auxilio.

Soan igual en todas partes según o que buscan transmitir?

Non. Hai como “dialectos”. En todas partes o ritmo mantense xa sexa por festas ou defuntos. Pero o número de repiques ou forma de tocar varía entre todas as parroquias galegas. Ademais, hai que ter en conta que hai campás que soan máis graves e outras máis agudas. 

Persoalmente tráeme moitas lembranzas. Por eso penso que é importante que xente coma vostede manteña esa tradición. 

Forma parte da nosa identidade. Nós non podemos permitir que se perda porque é un trazo cultural importante. Ten que haber xente que se anime e haxa relevo tradicional para que non se esquezan eses toques e todo o que siginificaron e significan para a nosa xente.

E os veciños tamén o valoran.

Para eles é moi importante. En aldeas onde a media de idade é máis ben alta, o son das campás é un xeito de manterse informado dun defunto, ou de celebrar as festas. Parece que os leva a recordar tempos pasados e espertar lembranzas vinculadas a eses momentos.  Foi algo co que viviron toda a súa vida. 

O de tocar ás horas, agora se se fai, xa é de forma automatizada. 

Si, cos tempos foron modernízandose e dotaronse de mecanismos que fan que as horas se toquen de xeito automático. Antes, soía haber unha persoa que se adicaba só a eso como unha profesión máis. Sobre todo en lugares como unha Catedral onde había un campaneiro permanente. Ata podemos tocar desde o teléfono móbil.

Ui! Cónteme iso! Aínda que perde algo de maxia.

Totalmente. Eu sigo preferindo tocar a man que que toque unha máquina que ten as súas limitacións que non é comparable. É máis persoal. Pero existe unha especie de aplicación que conectada ás campás, permiten que poidas tocar a sinal de difunto ou tamén a festa. Nós aínda non contamos con esas modernidades (risas).

O uso das campás para transmitir acontecementos, a cando se remonta?

Non teño datos exactos, pero seguramente dende o medievo. As igrexas nas comunidades cristiáns sempre foron e son referentes, o lugar onde acontecían e acontecen momentos importantes. E esas igrexas foron levantadas con campaneiros por un motivo. Usar esas campás para poder dar avisos aos veciños. 

A día de hoxe, con 22 anos, non deixou de lado esa labor. A que se debe?

Recordo que cando empezaba, tanto me gustaba, que era algo que non me saía da cabeza. Estaba pola semana na escola desexando que chegase o domingo para poder tocar as campás. Eu desfrutabao, sobre todo repenicar por un motivo de festa. E hoxe en día manteño esa ilusión. Estou máis centrado, pero non perdo esas ganas de poder tocar as campás.  

É máis, dende fai unhos anos forma parte da Asociación de Campaneiros de Galicia.

Si. Todo xurde a raíz de que fai un par de anos a Unesco declarou o toque de campásPatrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, xa que ao longo dos séculos, tal como falamos, serviron como modo de expresión e comunicación, cumprindo unha serie de funcións sociais. Dado que dende cativo tivera interese, púxenme en contacto coa Asociación e coñecín ao seu presidente, José Andrés Barreiro, e xa me asociei. Gracias a eles teño tido moi boas experiencias. Non é o mesmo tocar no santuario do Cristal que na Catedral de Santiago. 

Que busca a asociación?

Que non se perdan os toques nin a labor dos campaneiros. Así, fanse encontros entre campaneiros, forman a xente interesada, achegan a súa labor ao púbico en xeral… A sede está en Santiago e o noso referente é a Catedral, onde tamén facemos ensaios.

Que se sente tocando na Catedral de Santiago?

Na miña parroquia, Vilanova, toco dúas campás, e en Santiago estou rodeado delas. É algo único, con esas vistas impresionantes da cidade, esa vertixe de estar nun lugar tan importante de peregrinación… ter esa posibilidade é un agasallo. Pero ante todo as miñas raíces. O campanario de Vilanova para mín é todo. 

Te puede interesar