Cartas al director

Mariano, o sacristán de Coimbra

“O sancristán de Coimbra/ facía de mil diabluras/ mollaba o pan no aceite/ deixaba os santos a escuras” (Estrofa dun fado galego-portugués)

Coma cho conto, colega pensionista. Mariano deixounos aos pensionistas a escuras, nin sequera a duas velas. Non desexábamos caldo e deunos duas tazas. Tomade 0,25! Xa fai tempo que sentenzara que non se podía gastar o que non se ten. O seu Estado non ten cartos pra que pensionistas insolidarios os derramen en apostas na petanca, en cuncas de Ribeiro, en chupitos de herbas, píldoras de ibuprofeno ou viagra azul, ou perder o tempo na brisca de seis.
Mariano ten a sensibilidade a fror de pel. Hai un colectivo máis necesitado que ti e mais eu. Aqueles grandes empresarios que invertiron na explotación das autoestradas. Picaron o anzolo do goberno, e perderon cartos.

Hai, polo tanto, unha responsabilidade patrimonial. Obrigado é o seu rescate duns os 6.000 millóns de euros. Saneada as perdas, poderán licitar os mesmos empresarios ata a vindeira perda. Ten que ser, xa que tamén se axudou a banca (40.000 millóns), a empresarios na sua cotización a Seguridade Social (4.000 millóns), etc., etc., etc. Son tan españois coma mín, coma ti. E o que diga o contrario é un demagogo. E temos compromisos ineludibles internacionais no eido militar, mais aló de que tamén a nosa propia seguridade está comprometida. Iso conleva gastar cartos, que segundo La Dolores, no nacen das árbores. Decatarase xa de nena cando cantaba  “gualindín, gualindín, gualindongo, las cerezas se cogen del árbol, y los higos, ay los higos, se han vuelto brevas”. Non daban nin un puto duro pra o domingo.

Mariano é un home de palabra. Fixo posible o que era imposible. Non subir as pensións cando podía habelo feito, ainda que fora unha décima máis do 0,25. Introduxo na filosofía política “o principio  rector autoritas per dídimos”, por decilo dun xeito máis académico o termo biolóxico. Nembargantes, prometeunos axudas no IRPF de acadarse acordos nos Presupostos Xeráis do Estado. Algo xa adiantara Montoro. E non o entendín. Os meus ingresos, únicos que teño, corresponden a miña pensión da xubilación que non chegan ao mínimo a declarar. En qué se me vai a axudar? Nunha viaxe co Inserso no gratis total a Tierra Mítica?

Ai, Mariano, ti es coma o sancristán de Coimbra pra adicarche o bate fado, e bate ben, ti es causa do meu desdén. Tal e o meu desdén que trocaréi  iste teclado polo o bastón no vindeiro sábado pra acudir a manifestación dos meus colegas pensionistas. E o que nos queda, berrar.