Cartas al director

Afundindo o rural

Disque as cabezas pensantes deste noso país levan un tempo dándolle voltas a como recuperar o rural, ou sexa as aldeas, esas miles de casiñas espalladas por entre toxos, xestas e silvas que enchen Galicia.

Vintecatro concellos de Ourense seica se atopan a piques de extinción, e falan os expertos de demotanasia, ou sexa xenocidio. Non te matan, só faltaría, pero fan con que lisques co rabo entre as pernas.

Que o rural está en estado de excepción veno ata os que non queren ver. Aldeas sen xente, escolas sen nenos, e os toxos e as silvas facédolle sombra as casas.

Os iluminados propoñen solucións. Nomean unha Comisionada para o Reto Demográfico, cobrando un pastizal. Disque a súa función é vixiar que os poderes públicos non se esquenzan do rural e fagan inversións que atraían á xente as aldeas. Manda truco que para eso haxa que nomear unha comisionada cobrando cen mil euros ó ano. Ven sendo coma ter un asesor que che lembre a diario que tes que comer. Encheron Galicia cuns paneis mentirosos. Si, troleiros. No Rural Impostos Cero. En que rural será? Elogo, eses aparellos voadores que percorreron os recunchos todos da nosa xeografía sacando  "afotos", que andaban os cogordos?

Volve para a aldea. Non marches, onde vas estar mellor. Agora iso si, lisca para o terruño, e non deas a lata. Búscate a vida alí como poidas. Dende as altas esferas somentes van estar  a espreita para darche pescozóns, aloumiños ningún.

Onde había dous médicos, chega ben un. A escola pecha, e no sitio abre un xeriátrico. Privado iso si. Se precisas, mil douscentos ó mes. Nin coa paga doble. O centro de día abre de noite, e pecha de día. Da liña de autobús, quedou a marquesiña para tomar a raxeira as tardes. A internet a pedais. Vai co burro da noria coma a auga do puzo. Se queres ver canais de televisión, pagas o que che pidan, porque só hai unha empresa con cobertura.

Novidades de última hora. Cortar todalas árbores a cincuenta metros das edificacións e a catro metros das estradas. Ou disque van entrar na túa parcela como Periquito pola súa casa e cortan eles. Abolición da propiedade privada no rural. As estradas son cortalumes. Os alcaldes bombeiros toureiros. Ó que ten cu ten medo, dicía miña avoa.

Catastrazo que Dios te criou. Palleiros de mala morte, galpóns, garaxes, fiestras novas, amaño do teito… a pagar. Casas caídas e ruínas por un tubo, ahí ninguén mete man.

A lexislatura do rural. Van chover cartos. Apoio a todos os emprendedores do rural. Permítanme que non ría a cachón, porque máis ben dan ganas de chorar.

Para concentrar terras nin un euro. Os prezos do leite e da carne polo chan. A madeira rínse dela. A maleza inzando polas eiras.  Os sabugueiros e os bidueiros saen polas tellas. As estradas cheas de fochancas. Pola vía do tren pasean os xabaríns. Falan de unir Europa e non damos ido dunha aldea a outra sen una fouce na man.

Para rematar, unha derradeira reflexión. Nos anos cincuenta e sesenta cando escomenzaron a abrirse vías de comunicación, os mozos das aldeas (as mozas aínda tardarían un chisco máis)  con coche de liña diario xa poideron ir estudar a vila, facelo bachiller, ou adeprender un oficio. Nas que nunca tiveron unha liña só lles quedou a saída do arado e o rabo das vacas ou ben collela maleta de madeira camiño de Xenebra ou de Frankfurt (ahí si, mozos e mozas). Sesenta anos despois, estamos nas mesmas. A ninguén lle chama a atención que cando nos medios de comunicación sae alguén que vive e traballa no rural sae reflexado coma unha extraña personaxe, un hipie, un descerebrado, un antisocial, case un tolo. Por algo será.