Cartas al director

A tenor do pensamento crítico

O feito de publicar perdeu, a medida en que nos situamos no presente século, gran parte da posición de poder (aceptemos eiquí os termos do paradigma de Foucault se así se desexa) que representaba en décadas pasadas a tenor das relacións establecidas, ou o que é o mesmo, rompeuse esa cuarta parede, en referencia ao léxico fílmico, que existía entre o escritor e o lector, tomando parte este último da tarefa do primeiro e dando lugar a unha maraña de activos lampidos. Xa non existe como tal unha tarefa que lle sexa propia ás axencias, á especialización, senón que existen milleiros de redactores e de fotógrafos que espallan imaxinarios, localismos subxectivos comprendidos cada escasos segundos. A día de hoxe poucas son as persoas que non realizan dita tarefa cun carácter diario, ben sexa gráfica, escrita, ou simplemente reproducindo ou ensalzando opinións dun segundo axente, facendo a este visibel a unha maior cantidade de público activo na súa pasividade.

Existen, polo tanto, verdades de moi diversas tonalidades e matices, as cales responden cada unha delas a unha adecuación a modo de compendio dunha determinada liña ideolóxica e de costumes (sociais, e de disfraz) para as que están explicitamente dirixidas, é dicir, o autor ten presente a cota sobre a cal as súas verbas terán efecto, logo convén manter unha liña ben estreita co fin de obter a relevancia desexada, importando pouco ou nada o seu contido. Asimesmo isto reproduciuse no pensamento, entendendo por este calquer ámbito no que poida caber unha actitude reflexiva. As opinións adquiriron a posición de teses, mais teses sen base que se derraman unhas sobre outras co fin de tomar osíxeno. Unha análoga semioloxía das árbores na busca da luz solar; unha química da descomposición. Deriva todo elo nun estancamento, nunha falta de movemento onde se opera con teorías nas que o contido non fica obedecendo a unha liña que evoluciona na medida en que esta compón a idea, senón que se atende unicamente a un extracto bocetado ao redor do dicir. Non existe un obxectivo por detrás desto, senón que é unha actitude. Na medida en que a persoa se conforma a si mesma como operador poderá asimesmo funcionar como tal, aínda que non exista un fin. O estancamento devén desta falta, tanto de base (dun principio do que partir) coma de fin (dun aquel ao que achegarse), reproducindo de forma anexa ao discurso una carencia de.

Agora que as Humanidades nos estudos son molestas, pois o pensamento non é a priori parte material da tarefa, convén reflexionar ata que punto unha persoa pode camiñar sen coñecer a filosofía, ou a literatura universal, ou a xa tan lonxana retórica; todo elo, en pro da producción sen límite.