Cartas al director

A festa do Boi

Nesta fin de semana comeza n'Allariz o acontecemento do ano, a nosa Festa do Boi. Moito se ten falado e polemizado nos últimos anos sobre esta festa, a meu xuízo sen coñecela verdadeiramente, por iso vos dirixo estas palabras, para darvos a visión dun alaricano sobre a festa e poida coñecerse un pouco mellor en que consiste. 

A Festa do Boi é eso, unha festa, e como tal, hai o clásico dunha festa galega, verbena, comida veciñal e, por que non dicilo, a súa irremediable botellona. Pero a festa tamén é moito máis, é unha posta en valor da nosa historia, dunha historia compartida polos veciños de Allariz que, celebrada dende o ano 1317, pon o énfase, este ano máis ca nunca, na recreación teatral. Así, o sábado pola mañá recréase a baixada dos bois dende San Salvador, toda unha romaría; o domingo, tamén pola mañá, celébrase a procesión medieval do Xan de Arzúa, onde preto de 600 veciños este ano, se xuntan para recrear os acontecementos históricos de 1317; o histórico remata o venres seguinte pola tarde, coa procesión das bandeiras, na que se pendura no cumio da vila, no Castelo, o estandarte e insignia medieval de Allariz. 

Alén do histórico, engádense espectáculos musicais de varios tipos, mercados medievais, por suposto, as carreiras do boi e as do boi infantil, e moito máis. 

En suma, quero transmitir con estas palabras que a festa do Boi de Allariz é moito máis do que se adoita crer. Tamén quero aproveitar para dar as grazas a esas persoas que o fan posible ano tras ano, e animar aos demais a se sumar. 

Para rematar, gustaríame convidar a cantas persoas se queiran achegar a esta vila nestas datas, para vivir esta festa, pero tamén para vivir á xente e vivir Allariz, é unha experiencia inesquecible e moi recomendable á que quedades todos os lectores convidados.