Cartas al director

A mala educación

Visto o visto e desbravado o pálpito, a educación neste proxecto de país non serve para moito ou serve para moi pouco. Aos estudantes pídeselles esforzo e formación, para despois rematar pacendo no anaco de eido que xa apunta maneiras de quedar ermo. E os que esforzo e formación piden, son os mesmos que non a necesitan ou non se lles esixe para trepar e chegar ata o lugar onde os fíos se atan e desatan. Estes son os mesmos que dende os altares da política se cren posuidores da verdade verdadeira, cando ao mínimo asomo da palabra que están a dicir fican nús ante a indecencia que das mesmas non conseguen despexar. Habitan no día a día dos favores, das apertas de mans, das gravatas e dos brazos que se pasan polas costas. Onde todo se vende porque todo se compra. E onde eles mesmos son mercancía, mais neste caso semella que con premio. Os demais, mentres, a sacrificarse e formarse, porque todo o necesitan demostrar, aínda que as portas case sempre ou sempre se abran coas mesmas chaves.