Cartas al director

Seguen morrendo

 Moitos. Moitísimos. Aínda que cada vez nolos ensinen menos. Porque seguen aí. Morrendo. E mentres todo iso acontece, ti e eu co prato na mesa e dándolle voltas ás nosas trapalladas. Que nada son. Nin supoñen. Por iso insisto. Porque a barbarie segue. E eles seguen caendo. Sen piedade. Afogados. Esquecidos. Aniquilados. Os noticiarios xa nin noticia ven na desgraza que tan alto e macabro prezo está supoñendo. Hai moito conto que contar cada día. Aparece un, pasa, e xa atopamos outro. Conto. E entre unha cousa e outra, nós, a simular un interesado despiste. E unha suposta felicidade. Que tamén. Acompañado todo dalgún comprometido comentario. Que alivie. E nos asee. Así é todo máis levadío. Mirar de cando en vez. Pero sen salpicarnos. Pobriños. Que lixo de mundo. Escoito dicir moitas veces a quen cada día toma o café ben quente en calquera cafetería de calquera recuncho. Que lixo de mundo.