Cartas al director

Por qué a feira do 21 o 21 de Xullo?

Para o próximo 21 de xullo, a Asociación de Comerciantes do 21 vai organizar a Feira do 21. Esta data que elixiron parece a ideal, pois xuntase na mesma semana a feira e a festa do Santiago, patrón do antigo Concello de Canedo, polo que facer coincidir as dúas datas máis significativas  do fusionado Concello de Canedo, a súa feira e a súa festa patronal, parece unha boa idea e un feito histórico.

Un dos documentos oficiais onde nos atopamos a feira é no Boletín da Provincia do 29 de setembro de 1926. Publícanse as bases propostas pola Comisión Mixta dos Concellos de Canedo e Ourense, para a fusión de ambos municipios limítrofes. Nestas bases,  no seu punto cuarto fala sobre os bens, aproveitamentos, usos públicos e comunais da cada unha das parroquias, que copio literalmente:  “Se respetarán sus costumbres y tradiciones mientras se ajusten a las leyes, sus mercados y ferias, especialmente la llamada del 21, cuyo campo se arreglará y siendo posible se eximirá del pago de arbitrios”. Firmado el 21 de septiembre de 1926 por el alcalde de Canedo, C.Añel. 

O campo da feira, ao que fai referencia este boletín de 1926 para seu arranxo, está situado, según  testimonios, concretamente nos seguintes límites que temos que imaxinar debido a actual urbanización da zona: no cruce da avenida de Santiago coa actual rúa do Vinteún, onde había un mesón, do Sr. Nemesio, orixe das primeiras actividades de compra e venda, que acabou en que o Concello de Canedo puxera o día 21 como data de feira. Esta actividade extendeuse cara abaixo, polo que agora é a rúa do Vinteún, aínda por aquel entón sen definir. Concretamente a feira poríase, pola marxe esquerda, dende o que actualmente é o bar Don Alvaro ata a farmacia e o bar Paco, e pola marxe dereita pon onde está a Cova da Meiga ata o cruce coa rua Río Corzos. Esa é, según testimonios, onde estaba situada exactamente a Feira do 21. E esa é a súa orixe, que non só era de gando senón de todo tipo de mercadorías.