Cartas al director

Caída nas terrazas

Hai uns días unha persoa caiu cando ía nunha cadeira de rodas dunha altura a outra paseando por un lugar que lle denomina o concello “terrazas privadas de uso público”, están situadas na rúa Manuel Murguía.

O concepto non o entendo, nin eu nin a veciñanza, se son privadas podemolas pechar ao resto da poboación e se son públicas, é dicir do concello, debería ser quen de arranxalas e sustituir os escalóns por rampas ou polo menos pintar a beira de cada un deles para que foran visibles as distintas alturas. Non é a primeira vez que cae xente, como tampouco é a primeira vez que se denuncia públicamente nos xornais e nas distintas concellerías (incluindo ás oficinas de reclamacións), tanto con este goberno coma cos anteriores, pero nada. Non se toman medidas, semella que non é suficiente con cair e mancarse, igual se está agardando a que alguén morra? E despois botaranse a culpa os uns aos outros mentras os afetados esteamos no hospital acompañando ao acidentado ou no cemiterio chorando a súa ausencia.

Aproveitando esta denuncia do percance acontecido hai pouco, quero salientar que mesmo diante de onde caiu o “pobre home”, ao que lle desexo que se recupere axiña, xa que o golpe e o regueiro de sangue que alí deixou foi bastante espetacular, hai un paso de peóns onde cruza moita xente e por onde pasan, iso tan só o sabemos a veciñanza, coches a velocidades altísimas, solicitamos tamén que se tomaran medidas ao respeto coma por exemplo o que se denomina popularmente “un axente tumbado”. Neste paso, xa atropelaron a persoas ao cruzar; xa foi denunciada a falla de vontade por parte das concellerías implicadas no asunto, e nada, de nada! 

Nós tan só queremos vivir tranquilos nesta rúa e con seguridade, poder pasear sen problemas e se algún dos nosos maiores ou rapazada sae a pasear, que non quedemos intranquilos pensando en que lles poida acontecer algo por neglixencia das autoridades competentes. Para rematar un “pregunta-reflexión”: se se manca, queda con secuelas físicas ou síquicas ou morre alguén da miña familia por cair ou ser atropelada, a quen lle boto a culpa e a quen lle pido responsabilidades, ao alcalde?, ao concelleiro? a ...; non é mellor previr que lamentar?