Existen cantidade de asuntos que no acontecer da política, neste caso do noso concello, son moi difíciles de entender. Son eses temas que están enlamados e que tiñan que estar dirimidos na xustiza, pois hai responsables con nome e apelidos. Pero, por seren tan importantes, as persoas e o partido político que causaron tal fiasco non recibiron castigo nas urnas. Evidentemente estou a falar do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Dise, e con moito acerto que, nun concello, as dúas cuestións máis importantes son aprobar os presupostos anuais e ter en vigor o plan xeral de ordenación. Pois xustamente en Ourense nada diso acontece, e así camiñamos sen unha cousa nin a outra.
Pero facendo un chisco de memoria, lembrarei que por cambiar os planos entre outras cousas o plan elaborado polo equipo do ex alcalde Sr. Cabezas e o concelleiro e despois alcalde Sr. Poli, a xustiza invalidou o documento que o seu equipo redactou e que estivo en vigor varios anos. E ademais, as graves causas económicas que tal asunto trouxo para o concello e os ourensás en xeral, permitiulle a aqueles gobernantes e o partido saír indemnes de tal falcatruada.
Pero agora o que importa é a situación actual, a cal queda agravada coa resolución recente da xustiza que tirou unhas normas mínimas de funcionamento abaixo, e mentres non se aprobe de maneira definitiva o novo ordenamento seguimos na legalidade do plan de 1986. E nestas andamos, pois parece que nin o equipo de goberno actual nin os grupos da oposición teñen presa en chegar a un consenso que tiña que animar e liderar o alcalde.
Pero todo pinta mal e parece que estamos en tempo morto. Primeiro, porque o goberno en minoría non acepta a aprobación inicial do documento en cuestión, para logo introducir as reformas puntuais necesarias antes da aprobación definitiva; segundo, porque o goberno non recoñece que ten a obriga de corrixir a chapuza que deixaron os seus; terceiro, porque ao principal grupo da oposición soamente pensa en chegar á alcaldía e prefire andar denunciando problemas menores, sen decatarse que hoxe o máis importante que ten para resolver o concello é o seu ordenamento territorial. Desta maneira, e a pesares que dende o grupo socialista ofértase un diálogo aceptando unha serie de puntos, todo parece que a aprobación non chegará a bo porto.
Triste e gris futuro lle espera ó noso concello cando non existe vontade de consenso en temas tan importantes que deseñan o futuro do mesmo para moitos anos. Triste futuro o dun goberno no que todo son fogos de artificio que amosan pequeniños amaños e chapuzas pra dar a entender que se fai sen facer ren.
En fin, remato poñendo o exemplo do que aconteceu nunha asemblea veciñal. En certa ocasión, nun pobo había que dirimir un asunto moi importante, mais o alcalde diante o medo a perder aquela votación, puxo como primeiro punto da asemblea a celebración dunha festa de irmandade cun xantar. E o asunto caldeouse cando se discutiu o menú, pois uns querían unha cousa e outros outra. Rematou a xuntanza e o asunto importante quedou para outra ocasión pois a xente víao moi lonxe. Pois ben, en Ourense pasa algo semellante, lévanse asuntos ó pleno, algúns de moi pouca transcendencia, e veña discusións e disputas, mentres os temas importantes esperan a que cambie a corporación. E así nos vai como concello: mal.