Opinión

A desaparición do silencio

Otero Pedrayo ten un texto moi fermoso no que lle dá voltas á desaparición da noite. Afirmaba que coa chegada da luz eléctrica desaparecera, para sempre, a noite. A escuridade fora, de sempre, difícil de tornar: lucernas, velas, quinqués, luces de petróleo, fogueiras... todo formas de combater a noite desde unha dimensión humana. Sempre un ceo cheo de deuses, de estrelas, de misterios, de vida, coroaba a Terra. Os fiaños de luz daquelas aparellos tradicionais non daban escorrentado ese medos atávico acochado no fondo de cada un de nós á escuridade, e incluso medraba coas sombras tremelucentes proxectadas sobre as paredes dos cuartos e os medos previos. O lobo, a noite, os mortos, os aparecidos, xa non serían o mesmo desde que se podía acender unha lámpada xirando á chave ou desde que había luces colgadas no medio da rúa.

E pois si. Agora desapareceu tamén o silencio. E tamén foi a chegada da luz, pois nunca doutro xeito foi chamada a electricidade na vox populi. Sons, músicas, voces, partidos de fútbol, radionovelas, saían de caixas grandes, vellos aparellos de radio e logo televisións nas casas... Logo de caixas pequenas, transistores, que levabamos connosco. Despois dentro dos coches, nos autobuses... E o agonizante silencio morreu definitivamente coa actual hipercomunicación de raíz telefónico-visual.

Comezaba Yosi de Los Suaves en 2003, na canción “Mi casa” do LP “Si yo fuera Dios”, dicindo: He nacido en una tierra/ donde los viejos aún cuentan/ que si en un camino encuentras/ a un hombre que va hablando solo,/ no pienses que está pasado,/ seguro que algo le pasa./ Pasa que lo han engañado/ o esta levantando su casa. E si, antes se un falaba só pola rúa, era iso, tolo, enganado ou con obras na casa. Agora non. Agora o normal é que se un vai falando e xesticulando só pola rúa, teña uns auriculares metidos nas orellas e un micrófono minúsculo nun punto inconcreto do fío que o une a un teléfono que leva oculto. Figura estraña e a compadecer (“pobriño, fala só”) acabouse tornando en normal. É a preemiencia do “horror vacui” que se trasladou da arte barroca ás vivencias cotiás. Medo espantoso ao vacío. Todo ten que estar acugulado de formas, de arabescos, de reviravoltas, de sons, de palabras, de imaxes... Hai que estar falando ou escoitando, mirando ou deixándose mirar. Activo ou pasivo, Pero o silencio destruído. Tanto ten, radio, televisión, ordenador, telefono, tablet, mp3, iphon... ou calquera outro dispositivo. Esquecemos o valor do silencio, porta indispensable para entrar ao pensamento, a reflexión, á íntima vida interna. Non se pode falar ou escoitar e pensar á vez, como non se pode comer e cantar. E os nenos din hoxe con espanto “me aburro”, como se tivesemos que ter un circo -sen animais, iso si- permanentemente ao seu dispor. Calma. Un pouco de silencio. É preciso afacerse á contemplación sen cámara. Sen pensar en fotografar, gravar, comentar, dicir. Sen likes nin emoticóns. A saturación de ruído físico lévanos á saturación mental. Paseemos pola beira do río coas orellas libres. Oiamos o rumor das augas e o rechouchío dos paxaros. Estiremos as pernas e acouguemos a cabeza. Ben cómpre.

Te puede interesar