cultura

A Palabra e a Arte recordan a Carlos Casares na Esgueva

photo_camera Os sete galardoados pousan coas autoridades e outros invitados, no auditorio da Ínsua dos Poetas.

A Fundación Ínsua dos Poetas fixo entrega de galardóns a sete persoeiros do mundo da cultura galega

A novena edición da "Festa da Palabra" celebrouse dende o mediodía de onte na paraxe natural da Ínsua dos Poetas, ubicada na parroquia carballiñesa de Madarnás, na que se lembrou a figura do autor ourensán Carlos Casares, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e promotor do acto, Luis González Tosar, anunciou que próximamente sairá do prelo a publicación "Carlos Casares na Ínsua dos Poetas", que será editada polo Parlamento de Galicia, feito que agradeceu ó presidente desta institución, Miguel Santalices, presente no acto.

Un dos fillos de Casares, Cristian, apuntou que "esta ínsua é unha representación dese espazo que lle gustaría ó meu pai, onde conviven literatura, música, arte e natureza", mentres Damián Villalaín, amigo e colaborador do escritor da Limia destacou "a gran capacidade de empatía que tiña Carlos, e que se bota de menos nos políticos de agora". O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, fixo de anfitrión das autoridades que acudiron ó evento, entre elas, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar.

O responsable cultural da Xunta salientou “o importante traballo que Casares fixo ao longo da súa vida para o fomento do libro e a lectura en Galicia”, e destacou que, como intelectual, escritor e axente cultural, é “un dos artífices desta Galicia que pode asumir os retos do século XXI". Pola súa banda, Baltar asegurou que "sentímonos orgullosos" de Casares, que “está sempre presente na Ourensanía, un territorio e un sentimento que trascenden os lindes desta provincia e que debe ser tomado como o que é, a mellor maneira de sermos galegos”.

De xeito parello, a fundación fixo entrega dos premios Setecarballas, correspondendo un deles ó grupo de teatro afeccionado do Carballiño, Tiruleque, na modalidade de Iniciativa Cultural Destacada,
Na modalidade de Creación Literaria, o elexido foi Miguel Anxo Fernán Vello, e na de Medio Ambiente, a Plataforma Ríos Limpos. Carlos Guitián, médico urólogo, recibeu o premio na Defensa da Lingua Galega, mentres ós de Artes Plásticas e Medios de Comunicación recaeron, respectivamente, en Antón Pulido e o Diario Cultural da Radio Galega. Na categoría de Emigración, concedeuse ao Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires, que cumplirá o seu centenario en setembro de 2018.

Finalmente, as autoridades descubriron no parque da Ínsua dos Poetas a escultura "Vento ferido", deseñada polo escultor Manuel Buciños, a xeito de lembranza de Carlos Casares.

Te puede interesar