Opinión

Tranquilos todos, xa está de volta o fútbol

Pois nada, que xa estamos nela outra vez. Os multimillonarios en panos menores que corren atrás do xoguete circular están aquí de novo para salvagardar aquela máxima do marketing que elaboraran os creativos do Imperio Romano, “panem et circenses”. Pan e circo para os que teñan oxidado o latín.
Quero aclarar que eu son moi futboleiro. Encántame o ritual de quedar con amigos para ver un partido trascendente e discutir moito e adoro ver bos encontros na casa cos meus fillos, aínda que aí non discuto porque somos todos do mesmo equipo. Influencer que é un.
Aínda sendo dos que se interesa pola cuestión considero que esto do balompé omnipresente está un pouco desmadrado.

Esta fin de semana comeza a Liga, que veu precedida polas sendas Supercopas, en breve arrancará a “shempions”, a europa “lig” e, por suposto, a preceptiva Copa do fillo de Juan Carlos, antes coñecida como Copa do pequeno do Ferrol.

A saturación da sopa de esférico chega a límites esaxerados. Aínda non hai un mes que rematou o Mundial no que destacaron Putin, M´Bappé e a presidenta de Croacia e xa estamos, novamente, montados no carrusel infernal de vinte partidos diarios. Non hai repouso para o guerreiro hincha irredento.

Logo están a Premier, o Calcio, a Bundesliga, o Brasileirão e demais. Pode semellar unha lista da compra para os profanos pero os eruditos da cuestión saben que son algunhas das competicións que hai que seguir para estar ao tanto. Todo o mundo quere ser o tal Maldini e coñecer antes ca ninguén a ese pequeno e habilidoso extremo checheno que está a despuntar na liga finesa. Cousas da globalización.

 E se o tema quedara aí, aínda menos mal. Despois dos partidos hai que sumar o agravante da enorme aportación da caixa que atonta. Contamos cunha ampla e mareante, nunca mellor dito, oferta de programas malchamados deportivos. “O chiringrito”, “Deportes Cuatro (neuronas)” e demais xoias veñen a ser unha fedorenta perversión do ideal deportivo e unha prostitución sen ambaxes do concepto de periodismo.
Chismorreos, sensacionalismo podre, discusións tabernarias do máis sectario que se tén visto. Á fin moi pouca información aproveitable e, incluso, moi pouco fútbol. O que dixo Protestantito en Twitter, a foto que subiu a Instagram a moza de Piquete...Que me perdoen os que seguen estas abominacións pero o que levo visto é un 99 % estupidez e un 1 %
desinformación.

É a mesma España que criticaba con moita acidez, Quevedo. Digo o poeta do século XVII, non o apodado “Mami” que xogou no Cádiz e casou con Cristina Tárrega. Por aclaralo, bah.
Que o xornal máis lido do país sexa o Marca xa da conta do problema. Estráname moito que o xenio do antagonista de Góngora se reencarnara en Tomás Roncero.

 Bueno, o caso é que comeza a liga máis atea pola falta de Cristiano e por fin poderemos falar de africanos que non veñen en patera e de musulmáns sen partir da premisa de que son terroristas. Voltan os carajillos con moviola e as discusións realmente trascendentais.
Forza(...)!! Encha o espazo co nome do seu equipo e que chova!

Te puede interesar