Opinión

Actos matutinos

Entendo perfectamente que os políticos son xente como outra calquera. Vertebrados, mamíferos, bípedos, con posiblidades semellantes de dotación intelectual, virtudes e defectos que calquera outro espécime do xénero Sapiens sapiens. E así, tamén deben alimentarse, durmir e traballar as súas horas e non poden estar vinte e catro horas dispoñibles para calquera actividade pola mañá, pola tarde e pola noite. E como unha parte do traballo ordinario do responsable político é facer cousas que a moitos se nos antollan extraordinarias, como participar na presentación de congresos, libros, inaugurar exposicións, etc., pois deben tender a facelo no seu horario laboral, no máis habitual do traballo político-administrativo, ou sexa, pola mañá. Non quero políticos sen vida privada que me insistan no seu esforzo, na súa dedicación case misional á actividade escollida e que me vendan o favor da súa dedicación. Non. Quero xente normal que se dedique uns anos a esa tarefa que parece tan engaiolante como complicada, traballar para a colectividade, e máis nada. E que cando acabe o seu ciclo que pase de novo a ser un cidadán normal, como sempre o foi, pero con responsabilidades e exposición mediática distinta. Pero coma todo na vida, isto que digo, ten reviravolta. 

O outro día foi a inauguración da exposición dos Suevos -e días antes a entrega do premio Otero Pedrayo aos meus queridos Manolo Buciños e Acisclo Manzano, no Pazo de Trasalba-. Algúns amigos preguntáronme, inxenuos ou con pensamentos revirados, por que non fora nin a unha nin a outra. E tívenlles que explicar, un pouco avergoñado, iso si, que ao ser funcionario público -“civil servant”, que me gusta moito esa expresión do inglés-, son persoa que ten que traballar nun horario preestablecido ao que non pode faltar a non ser causa grave. E está claro que non é o caso. Gustaríame enormemente compartir a alegría de Acisclo ou Buciños en directo, así como ver desde o inicio o tema suevo, escoitar explicacións e discursos, pero ante todo, por suposto, debémonos ao traballo que nos dá de comer. E tan contento e feliz, por suposto. Na vida todo é optar, asumir responsabilidades e exercelas. E xorde, entón, na conversa o tema dos horarios das inauguracións, entregas de premios ou distincións.

Todos entendemos, claro, que hoxe é primordial nos comezos dunha exposición ou da entrega dun premio, unha grande difusión da mesma nos medios de comunicación, sobre todo nos telexornais do medio día. E que como a prensa non ten as folguras de persoal de outrora, tamén está ben facilitárenlles o labor e deixárenlles tempo abondo para a redacción das noticias. Pero eu pregúntome se non sería posible facer algúns actos de forma que pola mañá se atendese á prensa e medios e pola tarde se coidase a comunicación coa sociedade civil, coa cidadanía real máis que coa da comunicación unidireccional a través da televisión. En calquera caso, dado o perfil demográfico e laboral da cidade, cos participantes nos actos, políticos que deben ir en función dos seus cargos e xubilados amantes da cultura, xa enchen calquera espazo. E os demais xa iremos cando teñamos tempo. O malo é que a min para escribir estes artigos, víñame ben estar no allo e escoitar o que se di alí. Claro que un non pode andar a todo e ese é un problema -unha cuestionciña, máis ben- particular. Pero inda así, creo que algunhas cousas debería ser, máis ben, pola tarde. 

Te puede interesar