Opinión

Aprendendo da crise

Efectivamente un aprende a través de cousas boas, como os sorrisos e os premios, pero tamén aprende das cousas malas, como as rifas e os castigos. Aprende un das sortes boas e das malas sortes. Porque se aprende polo mel do goce pero tamén polo ferro do desacougo. E moito ferro manca, pero moito mel acaba repugnando. 

E claro, de algo tan malo como a crise que nos acompaña desde hai anos, tamén algo positivo seguro que se saca. Eu créolles que si. A ver se me dou explicado. Creo que é positivo o cambio de paradigma de consumo e creo que veu para quedarse. Non é só que a xente teña menos cartos, é que xa non se gastan da maneira alegre que se gastaba. Antes parecía como que non se lles daba a importancia que teñen e que nacían debaixo das pedras ou mesmo en terreos abandonados, como as silvas. 

E a contracción do negocio, tamén ten algo que ver coa selección natural. Un caso clariño é a evolución da restauración, da de comer. Lembro terlles contado hai anos como un día nunha terraza do porto de Sanxenxo se achegara o mociño –camareiro soaría excesivo- e case sen nos dirixir unha mísera ollada e sacando o lapis da orella, dixera nun ton elevado “que?” cando, en realidade, debería ter pasado pola súa cabeza e saído da súa boca un “boas noites, que desexan tomar os señores?”. Pois hoxe, efectivamente, e dado que cómpre traballar máis o cliente -sáese menos a cear fóra-, o tratamento nese mundo tan próximo a todos que é a restauración cambiou. Moita máis profesionalidade, moito mellor servizo, moita máis elaboración e coidado nos pratos... É algo que se ve, que se nota de forma cotiá en Baiona, en Sanxenxo e, en xeral, en calquera vila turística. E os que non se aggiornan, como moitos do casco vello de Portonovo, pois ven rarear a clientela ata aproximárense á creba final. E os prezos. O axuste, en contadas ocasións, é simpático. Os baaaaaaarquillos de Praia América, pasaron de valer dous cen pesetas a agora, que por un euro che dan catro. A xente gasta menos. Non me estrañaría que moitos teñan os mesmos ou máis cartos que antes no peto. En fin. E os coches. Lémbranse cando se dicía “xa ten cen mil quilómetros!”, como indicando que xa se debería pensar en cambiar? Agora, entre mellores estradas, mellores coches, mellores condutores –xa só os macarras fan parvadas e os nenos non din ao pai que acelere e adiante- e con menor velocidade extrema, pois consúmese menos gasolina –ben que cómpre- e desgástanse menos os coches. Total, que cando pasan de douscentos mil, aínda pensamos que estamos case de estrea. 

E o costume de andar ou correr á beira do río ou pola praia? Saudable. Socializador. Gratis. Si, agora que botamos todo o día diante de pantallas e non sachamos nin facemos exercicio físico ningún para gañar o pan, convén para gastar a enerxía que sobra, darlle algo de sebo ás canelas, cousa que tampouco custou nunca un can. 

En fin. Que toda cousa ruín acaba tendo unha parte positiva, e a crise non había ser a excepción. Xa verán.

Te puede interesar