Opinión

As tres Galicias

Dicían os antropólogos vellos que na nosa sociedade convivían tres clases de parroquias: as de aquí, as dos galegos que vivían na terra; as de alá, a formada polos emigrados a América, e tres, a dos mortos, que eran os cemiterios parroquiais do medio rural. Entre as tres categorías adoitaba establecerse unha relación fluída, a través da vivencia na aldea, na emigración ou do desexo de repousar entre veciños logo da morte.

Hoxe este esquema tradicional está fracturado e nunha sociedade tan laica como a de arestora case non ten importancia a parroquia dos mortos como unificadora e integradora absoluta, e a nova emigración é un feito cunhas características radicalmente distintas tamén. Pero aínda así, creo que hoxe se pode seguir falando de tres Galicia, cun novo xeito de relacións entre elas, si. Existe unha Galicia de aquí, nosa, a da vivencia diaria, cun benestar e problemas inéditos na historia, sen fame, cunhas estruturas políticas propias, léase Xunta, pero en trance de desaparición na súa faceta étnica rural, ao ter esa demografía que nos asusta e que nos converte en receptores de inmigración do leste de Europa ou de lugares extracomunitarios. Sería a Galicia máis “de verdade”, a territorial, a “nosa”. En segundo lugar seguiriamos tendo unha Galicia de alá. A da emigración. En recesión puramente biolóxica na súa parte tradicional americana de Buenos Aires, La Habana e europea, cunha importancia relativa progresivamente menor na vida cotiá da Galicia territorial, e cunhas características novas na Galicia da emigración viva, con xentes preparadas, universitarias, que se integran nas empresas do mercado único europeo ou que exercen tamén como técnicos preparados en América en traballos de ida e volta. Ou sexa, o que marcha a América faino, tamén, sen moita idea de “radicarse” alá de por vida, e aquí entran en xogo as facilidades técnicas de viaxes e comunicación contemporáneas. E por último, temos, como novidade, a Galicia do ciberespazo. Efectivamente, existe cunha entidade difusa de seu, un novo mundo de intantaneidade comunicativa no que de forma gratuíta se produce a comunicación persoal, chamémoslle whatsapp, skype ou facebook que transformou radicalmente aquela vella historia das cartas en papel que se demoraban meses e era lidas por alguén que o sabía facer.

A carta que agardaba a Mamasunción de Chano Piñeiro, desapareceu. Pero tamén, a presenza de Galicia neste mundo cibernético, está aí presente de ponte entrambas Galicias, territorial e da emigración, colectiva ou individual. É idéntica a facilidade de acceso desde aquí ou desde alá aos materiais de arquivo, por exemplo, da TVG na rede, aos milleiros de programas de música ou lingua –digamos “Ben falado”- que poidamos encontrar en Youtube; a toda a produción universitaria –digamos a Cartografía dos apelidos de Galicia, do ILGA-, ás presenzas institucionais de calquera das nosas administracións –desde o Parlamento Galego á Biblioteca de Galicia a través de Galiciana, ou dos nosos concellos, ou ver e escoitar a TVG e as radios, ler a prensa, etc., etc. A nova Cibergalicia é unha nube que está sobre todos nós. Se aproveitamos ben as súas chuvias, frutificarán os nosos eidos intanxibles, de aquí, de alá ou de acolá. Un mundo de novas facilidades que se abre.

Te puede interesar