Opinión

O bache do Paradelo 
ou das Carballas

Averdade é que ás veces a toponimia pode ser dúplice. Por exemplo, hai anos, cando La Región estaba na rúa que hoxe se chama Alejandro Outeiriño Rodríguez (para min que lle sobra o Rodríguez) e o Pacheco fotógrafo un pouco máis abaixo, un podía dicir que ía a tal sitio que estaba na rúa de La Región ou na rúa de Pacheco e referíamos ao mesmo lugar, pois estes negocios foron máis estables que o baile de nomes que tivo. Alba, Luis Espada, General Aranda, Luís Espada, Obispo Quiroga, Cardeal Quiroga... Ou pode ser un nome pola vía popular, tipo Crebacús, e outro pola vía culta, como Postigo de San Francisco, que é como dicir Pepe ou Xosé, dous nomes distintos, a mesma persoa verdadeira. O caso é que non sei se chamarlle bache do Paradelo, das Carballas ou da glorieta do fondo da recta de Quintela. E a trindade sería, por fin, entendible. Do Paradelo, porque cando un vai a ese paraíso dos afeccionados a facer cousas coas mans e coa cabeza que está na saída cara a Vigo, pode, a pouco que se despiste, meter roda nel e levar un sustiño. Ou susto. O das Carballas viríalle pola parrillada de inmellorables carnes que alí mesmiño hai, e o do fondo da recta de Quintela, polo que poden supor. En calquera caso, entenderían mellor de calquera destes tres xeitos, que se lles dixese, e non sería engano, que hai un bache impertinente, case unha pozanca, exactamente na coordenada 42°21'10.7" Norte - 7°54'49.7" Oeste. Porque aínda que entendamos ben os paralelos e os meridianos –o que non nos debería incapacitar para cargos políticos- non temos memorizada toda a trama en rede que se estende, imaxinaria, sobre nós. Para iso está o Google Maps.

O caso é que cando un vai ao Paradelo a comprar calquera cousa do mundo do “fíxeno-eu”, desvíase da estrada ao final da recta onde dixemos, e debe abeirar unha pequena glorieta antes de enfiar a pequena subida ao aparcadoiro, case sempre petado, e usamos a palabra co novo sentido que lle dan os mozos de “acugulado”. Pois xusto ao lado desa glorieta está a trampa, o pozo, un bache que non é tal senón un rexistro de sumidoiro non recrecido nos últimos asfaltados e regularizacións. O normal é só caer nel unha vez. Logo, pola conta que che ten o amor aos baixos do teu coche e á carteira que levas onda o corazón, aprendes e xa non metes o zoco-roda. Eu, burro, metino varias veces ata que aprendín que a letra con bache entra. Pero non deixa de preocuparme. Porque penso que un día se vai mancar alí un rapaz que entre con moto despistado e afuciñe no lugar. Se mete a roda dianteira, a moto pínaselle da roda de atrás e tratará de fotocopialo, a cores, no lugar. 

Así pois, moito me agradaría ver como se arranxa algo antes de que se manque alguén. Porque xa estou vendo, así que se esnafre un, a brigada recrecendo en media mañá, cunhas rasillas, unha pouca area e un saco de cemento, o nivel da reixa. Esnafrar. Que palabra galega tan expresiva; vénlles dunha forma antiga relacionada con nariz, igual que esnifar, por certo. “Se esnifas, esnáfraste”. Regálolle o lema á DGT, a ver se me dan puntos. En fin, eu prefería velo “gobernado”, unha forma de Ourense para arranxar, antes de escoitar os habituais: Xa o dicía eu. Víamolo todos. Non se puxeron a elo ata que houbo unha desgraza.

Te puede interesar