Opinión

A baixada da marea

Amarea sobe e baixa. E hainas vivas que son as que máis cousas botan para fóra, cando o mar está bravo. Algas, restos de nasas ou naufraxios soñados, fermosos paus como esculturas de Moxón sen pintar, plásticos, demasiados plásticos inútiles, restos de foguetes que touparon días antes no ceo do porto no medio da festa do patrón.

Do mesmo xeito, a “marea” ourensá, Ourense en Común, tivo un comportamento estraño, de marea viva, de lúa chea, e ao baixar, deixou moita cousa fóra. Ilusionou primeiro mentres subía a moita xente cansa que non quería votar aos partidos maioritarios nin tirar co voto só nun xesto de rabia esperpéntica da que xa coñecemos límites e limitacións. E agora, no seu refluxo, deixou un desacougo estraño. Si. Son parte dos pecados orixinais. Cando o único motivo, o único punto da unión, é a xunta de debilidades organizativas para unirse nun combate inconcreto fronte a un inimigo difuso, pode acontecer que estalen de inmediato disensións tamén inaprensibles. “Piazze piene urne vuote”, repetía o meu admirado Pietro Nenni para sinalar as distancias entre as voces dominantes na rúa a as sensibilidades íntimas, persoais, de exercicio de voto, das persoas concretas. A min, sempre me pareceu que o sistema inaugurado polo Partido Socialista francés de elección de candidatos en base ao voto tamén dos simpatizantes, pagando un euro ou dous, non era importable. Se cadra podía funcionar nun país de principios éticos, onde Zola escribira “J'acusse” é fixera tremer o mundo; se cadra podía funcionar nos países onde os veciños collen o xornal nunha caixa na rúa e deixan as moedas ao lado; pero non noutro no que naceu a literatura picaresca, no que o Lazarillo e o Buscón, o Quixote, Sancho Panza e Belen Estebán, a Hormigos, son os heroes, os modelos.

Pero o simpático, e traxicómico dada a importancia do que se xogaban, é a anulación duns resultados logrados en base a unhas normas aceptadas por todos, porque non son os resultados que uns esperaban. Os contos dos nenos cando perden. Non valeu. Tira outra vez. Despois, todo é sabido. Uns marchan, outros foxen, outros recuncan. Difícil é rexenerar aquela ilusión. Os votos, agora, dividiranse e ameaza un proceso de implosión na simpatía orixinal. En vez do OU en C, irán tres ou catro siglas separadas e unha carga de desconfianza enorme do electorado. Se isto é o que fan antes de empezar... E a quen beneficia? Pois a todos os demais aos que poderían ripar apoios. En primeiro lugar, creo, beneficia ao rochedo BNG. Nós, pétreos, sempre inmóbiles, aquí presentes. Logo a DO. O látego descontrolado. Logo ao PSOE. Algúns haberá que, liquidada a unidade popular que quería soñar OU en C, volvan, sen entusiasmo iso si, como opción menos mala, a uns socialistas que parecen recuperar pulso fóra de Ourense. Tamén, se cadra, a Compromiso por Galicia, por conseguir unha notoriedade para o seu candidato que doutro xeito non tería. E por último, claro, o PP porque canto máis divida o voto o resto, mellor para as expectativas de Xesús Vázquez Abad de lograr unha maioría eficaz para o goberno da cidade. Pero creo que en realidade quen máis vai gañar con esa baixada da marea, son os cidadáns defraudados que optarán por pousar no espazo libre da area as súas toallas para gozar da praia e do mar ese domingo de maio.

Te puede interesar