Opinión

Bob Dylan, Yosi, etc.

Das cousas máis simpáticas que lembre ter feito na miña vida está unha presentación dun libro de Bieito Iglesias no Liceo na que na mesa xunto co autor, Carlos Casares como editor e director de Galaxia, Yosi de Los Suaves como amigo de Bieito e lector primeiro do libro, estaba eu como introdutor. Evidentemente presentei aos tres como escritores: a dous, Bieito e Carlos, como narradores –e aí todos de acordo-, e a Yosi, como poeta. A algún sorprendeulle pero a xustificación non podía ser máis clara. Efectivamente, “Peligrosa María”, “San Francisco Express” ou “Si pudiera”, por exemplo, son letras, son poemas desgarrados sobre os desacougos da sociedade contemporánea a través de fragmentos da vida do autor; por iso empatan da forma que ben sabemos coa sensibilidade das persoas que hoxe asumen esa liña estética e que son moitas. Carlos Casares comentaba simpático que cando lle dixera aos fillos que ía presentar libro a Ourense e compartir mesa con Yosi, levantaran a vista, preguntáranlle detalles e encantados lle pediran que lles levase un autógrafo, cousa que nunca antes fixeran se lles dicía que ía estar nunha mesa cun premio Nobel calquera. Pareceume que Yosi estaba encantado aquel día.

E a cousa, claro, vén de ben lonxe. A práctica totalidade da poesía medieval, por exemplo, foi escrita para ser cantada, por iso falamos das Cantigas de Amigo, de Amor e de Escarnio e Maldicir e non de poesías. E os trobadores de onte, digamos Martin Códax interrogando ás ondas do mar de Vigo, ou Don Dinís preguntándolle ás flores verde pino, ambos polo paradoiro dos seus amados, poderían, por exemplo, establecer diálogo e esperar a contestación dun Bob Dylan que lles diría que a “resposta está zoando no vento”. Martín Códax, Don Dinís e outros centos de poetas e músicos son onte o que son os cantantes actuais hoxe. Uns escriben letras e cantan, outros só cantan. Por iso, debemos considerar aos autores das súas propias letras, moito máis que músicos, debemos pensar neles como escritores. E desde logo con moita máis proxección, repercusión e seguidores que os escritores de papel, os que tratan de comunicar co seu público a través da escrita, en vez de a través da fala, do canto, da música. Por iso, este premio Nobel para Bob Dylan é unha sorte para os suecos. Como ben dicía onte Vicente Araguas neste xornal, a figura do premiado prestixia ao Nobel e non tanto ao revés, a quen o público xa ama de seu. Digamos que o Nobel de literatura dado ao Robert Allen Zimmerman –ou en hebreo Shabtai Zisl ben Avraham- outros nomes de Bob Dylan, fai ver que a Academia sueca non é un cemiterio de elefantes e que está viva e é capaz de abrirse a novas ideas. Por iso, creo que para a literatura, e para a Academia sueca, é moi boa cousa este premio que será, realmente dos máis populares da súa historia.

Te puede interesar