Opinión

Cincuenta aniversario dun iluminado

Hai cincuenta anos que asasinaron a un iluminado. Foi na selva boliviana. Era un médico arxentino, aventureiro, seica comunista, de familia millonaria por parte de nai e por parte de pai. Todos, por suposto, atractivos ingredientes para, ben adobiados polas haxiografías mitificadoras, facer del, para boa parte do progresismo occidental, unha especie de Cristo dos tempos modernos que sacrificou a súa vida polos pobres do mundo. Pero burros eles, os pobres, non se quixeron unir á súa aventura en Bolivia. Xa sufrían ben eles sós, como para fiarse dun señorito arxentino. Si. Creo que foron a foto de Alberto Díaz “Korda”, axiña convertida nunha das imaxes máis icónicas do século XX, e a canción de Carlos Puebla “Aquí se queda la clara, la entrañable transparencia, de tu querida presencia, Comandante Che Guevara...” as que o catapultaron ao ceo das estrelas. E, por suposto, a vontade firme dun Fidel Castro, que debeu suspirar de alivio cando o viu morto. Un problema menos o daquel descontrolado.

En fin, o Che que hoxe coñecemos -e glorificado hoxe pola combinación de inxenuidade, fotos, posters, cine, música- naceu, curioso, só uns meses de morrer. E morreu, non de morte morrida, como sería de esperara de alguén do seu estatus e profesión, senón de morte matada. Ou sexa, asasinado malamente por un soldadiño, Marío Terán Salazar, que recibía ordes directas dun mercenario cubano anticastrista, Félix Rodríguez Mendigutía, e que aínda vive e negocia nos USA.

Pero que facía o Che en Bolivia? Sabemos que trataba de erguer unha guerra na que tivo o dubidoso honor de acabar sendo o principal morto. E o mito Che ten cada vez menos que ver coa vida real de don Ernesto Guevara de la Senra e con aquela época que hoxe podemos ver con outros ollos. Nestes cincuenta anos que pasaron desde a súa atolada aventura boliviana, a percepción da realidade mellorou e as análises que se fan son máis libres e pousadas. Agora só fai falla manter as independencias de criterio fronte á neoglorificación dunha esquerda populista que tende cada vez máis a volver, romántica, os ollos aos escuros sesenta. 

O Che pecou de inxenuo pero nós tamén ao nos deixar engaiolar coa imaxe deste idealista, descougado e irresponsable e atolado: era médico, tiña asma e fumaba. Na distancia vese como un revolucionario triunfante que non é capaz de xestionar a cotidianedidade e foxe das responsabilidade de goberno en Cuba para sumarse á vía facilona de exportar a guerra a quen non a quería. Pero o peor foi que co seu camiño coutou por xeracións a posibilidade dunha esquerda moderna non insurreccional que atraese a mozos e intelectuais de Iberoamérica. E nisto tivo boa parte de culpa o despiste da esquerda europea que se deixou seducir pola foto de Korda, sen comprender a realidade plural e fonda daquel continente, pois dunha forma paternalista asumiron como válida para alá o que aquí sería unha irresponsabilidade manifesta. Sen o exemplo violento e insurreccional do Che non se darían entendido os Tupamaros uruguaios, os Montoneros arxentinos, o Sendero Luminoso peruano, a narcoguerrilla das FARC, pero tampouco a Baader Mein Hoff, as Brigadas Vermellas italianas, o FRAP ou a propia ETA. En fin, todos, como poden comprobar, grupos fracasados que encheron de sufrimento e odio a milleiros de persoas cargadas de esperanza, inxenuidade e boas intencións. Descansa en paz, Che Guevara. Ben che cómpre. 

Te puede interesar