Opinión

Comezando o curso: educación e ensino

Se cadra era mellor que a Consellería se chamase “de Cultura, Ensino e Universidade”, e non de “Cultura, Educación e Universidade” porque iso da educación é algo que ultrapasa, moito, o que poden facer os profesores. Ademais non é a súa misión. Deben, por suposto, colaborar na educación dos infantes, pero sen roubarlles protagonismo aos auténticos educadores, os pais. Non se poden aceptar traspasos de responsabilidades. Os profesores instrúenos nunha serie de coñecementos e destrezas organizadas en materias (matemáticas, bioloxía, galego, música, etc. etc.) e transversalmente deben reforzar a educación que reciben nas casas. Porque nas casas, e no medio social onde se movan, é onde se socializan e aprenden Educación con maiúsculas. 

Velaquí uns numeriños. Os días lectivos andan sobre a metade dos días do ano. E eses días están nas clases 6 horas, ou sexa, o 25% das horas do día. O resto do tempo (ou sexa o 75% cando teñen clase e o 100% cando non), están baixo a función e orientación educativa dos pais. Así, pois, nesta medida (entre o 100% e o 75%) está a responsabilidade parental na educación dos rapaces. E hoxe esta función é máis importante ca nunca, porque se antes se dicía que aos nenos os educaba a familia e a tribo, agora a tribo, a sociedade, non transmite mensaxes unívocas, e é deber dos pais orientar cara ás mensaxes positivas, que tamén as hai, e, sobre todo, colaborar aberta e amablemente cos profesores, como fai a maioría, por certo. Música, deporte, idiomas, actividades de múltiple espectro, temas aos que enfocarlles o ocio. E tamén os pais poden levar os nenos ao teatro, ás exposicións, aos concertos, á natureza, para crear positivas inercias socio-culturais. Ou pódenlle deixar o móbil de noite. A educación base (respecto aos demais e a un mesmo, valor do esforzo, compromiso, responsabilidade persoal no propio futuro, distinción do correcto e incorrecto, dos niveis de respecto e confianza, a empatía cos demais, unha actitude vital positiva e comprometida, a fame de saber e de aprender, o goce co ocio san, a modestia do aprendiz, distinguir entre o que apetece e o que convén, a importancia do cumprimento de obrigas e deberes e da defensa dereitos...) teñen que vir de serie ao chegar á escola, e alí, os profes, reforzar esas virtudes, eses valores, esas actitudes. 

Hoxe hai poucos nenos e tendemos a confundir educalos con cumprirlles todos os desexos e marcarlle poucos deberes. E padecen a esmagadora avalancha despersonalizadora dos móbiles e das redes. E pensemos que a hiperprotección crea mozos inseguros aos que lles custa medrar, afeitos a que lles resolvan todos os problemas. Unha cousa é que saiban falar ben desde os cinco anos e outra que a súa opinión estea ao mesmo nivel cá dos pais. E debemos ter en conta que os lugares nos que se perde un son nos que non se recoñecen límites -mares, desertos, bosques- por iso é tan importante marcárllelos aos rapaces para que non escorreguen e dean banzados dun lugar a outro.

Hai tempo achegouse un rapazolo de 12 ou 13 anos e petou con toda a súa forza nun sinal de tráfico que estaba a 20 cm. da miña orella, para asustar ós que esperábamos para cruzar no semáforo. E como foi que lle chamei a atención -“Oe neno, eso non sei fai. As bromas cos amiguiños”- a nai púxose como un basilisco: “Oiga, quién se cree Vd. para llamarle la atención a mi hijo”. Pensei, entón, en lembrarlle as dúas primeiras obras de misericordía (ensinar ao que non sabe; corrixir ao que se equivoca) pero calei; sería perder o tempo e sabía das amplas posibilidades de estar ante alguén que, no futuro, lle botaría a culpa aos profesores do fracaso escolar do rapaz. 

Ou sexa, a educar todos. Casa. Escola. Sociedade. Responsabilidade máxima? Evidentemente os pais. Colleitarán o que sementen. 

Te puede interesar