Opinión

Control da Universidade

Teño o máximo aprecio polo ensino. Miña avoa, miña nai e as súas irmás... mestras. Da pública e da privada. Nomes como dona Concha Ramón, Abella, Modesta e Vila, don Joaquín... docentes, son o que primeiro oín. E cos destinos (Castroverde, Amorebieta, Tuxe, Viana, Alcalá de Guadaira...) aprendín xeografía. Algún día aínda fun cobrar ao habilitado que había no Paseo. Pola miña banda, desde hai trinta anos que ando de profesor deixei en segundo plano as miñas especialidades universitarias de Arqueoloxía e Historia Antiga; Xeografía, Historia e Arte de Galicia, e Arquivística e Biblioteconomía para centrarme na Cátedra de Lingua e Literatura Galega que veño exercendo desde mediados dos noventa no meu Instituto. E dígolles isto, máis alá do que poida ter de presunción e pedantería –que como sempre lembraba o mestre Otero, son pecados sen perdón en Ourense- para afirmar que me é familiar, por dentro e por fóra, o mundo do ensino. E cando falo de ensino falo de primaria, de secundaria e da universidade. Porque todos tres van enlazados.

Dito isto, creo que o traballo máis difícil é o dos mestres de infantil. Fanse cargo de cachiños de carne que choran polas mamás, socialízanos e ensínanlles a ler e sumar e restar, que é o máis importante que lles vai ocorrer na vida. E ese esforzado traballo dos mestres está supervisado: compañeiros, directores, gabinetes, inspectores... Hai mecanismos de corrección, por se alguén non fixese as cousas ben, que case nunca son precisos. E no ensino medio algo semellante. Programacións e criterios públicos, entrega de exames corrixidos, xefaturas de departamento, comisións de coordinación, xuntas de avaliación, xefes de estudo, directores, inspectores, pais... Ou sexa, mecanismos de control de calidade internos e externos. Imperfectos, seguro, con excesiva tendencia ao papeleo e a faceren de bombeiros en vez de cirurxiáns, pero van funcionando.

Pero a Universidade é outra cousa. Orzamentos en España semellantes a calquera país europeo, pero ningunha universidade entre as mellores. Que pasa? Pois falla absoluta de control de calidade, interno e externo. Politización excesiva nunha democracia. Confusións dos termos de autonomía universitaria e liberdade de cátedra con “dáme diñeiro e cala” e “fago o que me peta”. (Veño de coñecer varios casos, en Santiago e Coruña, en facultades de moito traballo, de bos estudantes. Nun, de 132 presentados, 130 suspensos. Noutro, de 91 presentados, 87 coa mesma cualificación final do curso: 4,90. Noutro, anovación de contrato docente só por amizades a xefes, deixando fóra aos mellores. En fin, desconsideración máxima. É licito blindar arbitrariedade recorrendo á autonomía e liberdade?) E se lle sumamos endogamia e enchufismo chegamos a unha situación na que a Universidade está infestada, en mala parte, por intereses espurios: unha praza, un posto preto da casa... Ah, pero hoxe non é politicamente correcto dicir estas cousas... e anulamos o pensamento crítico que aprendemos na Universidade. Catro facultades de Dereito en Galicia? Tres de Historia? Tres de audiovisuais? Cinco de Química? Cúmprense as titorías e coordinan os departamentos? Son eficaces os sistemas de reclamación? E a UNED? Todo multiplicado sen ter en conta sequera a UNED. Conviña repensar o sistema todo cunha rebarbadora na man, pois o contrario de control é descontrol.

Te puede interesar