Coren, Estrella, Gadis e Abanca

Coren, Estrella, Gadis e Abanca

Hai cinco ou seis anos, se cadra máis, percorría Venecia por ese funil de xente que é o camiño da ponte de Rialto á Praza de San Marcos, e ia pensando en como cambiara o lugar desde as primeiras veces que pousara naquela cidade de auga e maxia, a mediados dos setenta. Agora eran todo franquicias. As mesmas tendas de roupa que topa un na rúa do Paseo ou en calquera outro paseo comercial de Occidente. Inda lembro como unha elegantísima alumna, farta de andar con bolsas de plástico perralleiras, entrara, creo que nunha de Carolina Herrera, e pedíralle a unha dependente unha bolsa de cartón, da marca, para non ter que andar exhibindo aquela vulgaridade. E deulla sen problema; o mercado unifica tamén as actitudes estéticas entre as mozas e entre todo o mundo. A veneciana, moza coma ela, axiña entendeu que unha rapaza con pendentes de boliñas de prata non debía andar todo o día cunha bolsa de, digamos, Gadis. 
Dentro deste homoxeneización global, alármanos a desaparición do Banco Pastor, aínda que só xa como marca, e o perigo de Barrié. Efectivamente, outra mala noticia para o tecido da cohesión galega. As burguesías coruñesa e viguesa foron recuando, a de Ourense nunca tivo forza.

Fenosa pasou aos cataláns, Barreras aos chinos, Larsa aos asturianos… En fin parece que as catro cousas que nos quedan de noso son Coren, Estrela Galicia, Gadis e Abanca. E todas catro apostan forte no campo da identidade colectiva como punto de atracción de clientela e de aproximación á terra na que viven. Non fai falta máis que ver as campañas de “Alimentos de Galicia, de Coren; a de “Vivamos como galegos”, de Gadis; a do San Xoán, de Estrella Galicia, ou a do cerebro e corazón de Abanca. A entidade financieira está tratando, loxicamente, de atraer aos clientes desencantados do Pastor, algo moi razoable e para o que ten o camiño preparado pola adquisición, no mes de maio pasado, do 100% de Popular Servizos Financeiros, a antiga e rendible división de créditos ao consumo do Banco Pastor, por 39 millóns de euros.

Así, igual que teño esperanzas de que Coren e Estrella Galicia sigan medrando na súa expansión nacional e internacional, e a Gadis que se siga iguais pasos, co mundo financiero non as teño todas comigo. Por unha banda creo que foi unha sorte inmensa que un grupo bancario venezolano se fixese coas cinzas das caixas galegas; se chega ser un catalán ou español, seguro xa que as tería absorbido completamente e sen máis. Pero teño o temor de que esta fidelidade absoluta dos galegos á institución bancaria herdeira de Caixa Ourense, Caixa Vigo, Caixa Galicia, etc. e esta hexemonía radical no tecido financeiro galego, non sexa suficiente. Dise continuamente que o mercado regulará ata que queden menos de media ducia de institucións bancarias en España. Ou sexa, o proceso de concentración non acabou porque aínda son “pequenas” para o mercado global as entidades actuais, e porque despois do movemento Santander-Popular ou outros teñen que mover ficha. Din alguns expertos que Bankia fagocitará en breve á Banca Marenostrum (BMN), proveniente da fusión das caixas levantinas, e que Caixabank comerá Liberbank (proveniente de caixas do norte e centro). Quedan para o baile Sabadell, BBVA, Abanca... e pouco máis. Non sei como se acabaran por emparellar ou se haberá moito danza. Témome que o baile non acabase e que haxa voltas e voltas. A ver se non nos pisan un pé. Mellor dito, o pé. Que xa somos algo coxos.