De sedución a sedición

De sedución a sedición

Chámase paranomasia este recurso literario de proximidade dos sons das palabras e que se utiliza con intención estética, como xogo de lingua. Se en vez de “sedición” puxese “secesión”, tamén valería. Isto é o que me evoca o de Cataluña: paranomasia. E desacougo. Como a todos.

Cataluña, para nós, sempre espertou fío de simpatía. A sedución de Cataluña. Dúas linguas, dúas culturas disimétricas, eles e nós, a ambos lados do territorio monolingüe de España. Nos extremos noroeste e nordés da península e con fillos ao sur: Valencia e Portugal. Catro provincias, unha sen mar, dúas con fronteira con outro estado. Moitas cousas en común e outras moitas diferentes, pero cunha historia de compromiso das súas xentes coa súa terra, coa cultura e co progreso, que moitas veces nos cobizaba. Eles eran zona rica, históricamente mimada polos gobernos centrais nas cuestións económicas; ata Franco montou alí a SEAT en vez de “varrer para casa”, pois fóra do Pardo ou doutra arrapañada por Sada, casa casa, de xente e amigos, non tiña. En fin eles tiveron Renaixença, nós Rexurdimento; eles Jocs Florals, nós, Xogos Florais; eles Solidaritat Català, e nós Solidaridad Gallega; eles Lliga Regionalista, nós Irmandades da Fala; eles Institut d’Estudis Catalás, nós Seminario de Estudos Galegos. Ata o famoso festival de Raimon en Santiago de Compostela o 9 de maio de 1967 foi un momento de cambio de tendencia en toda a progresía santiaguesa que se abriu, daquela, á cuestión identitaria. E da súa Nova Cançó, xurdiu nun espello embazado a nosa Nova Canción e Voces Ceibes. 

E sempre moitas persoas para gañaren a vida puxeron os ollos en Barcelona; ata as terras da Limia Baixa chegan as liñas migratorias que tanto abundan no leste de Lugo e Ourense. E despois, os universitarios. Barcelona cobizaba como cidade meditarránea chea de luz e vida. Cidade que aparecía aberta, multicultural, europea, plural, metrópole do modernismo e moderna ela en si, moito máis ca Madrid. E así, marcharon moitos estudantes de aquí. Seducidos por Barcelona. As poucas veces que fun, sentinme querido, apreciado, e cun fío de simpatía por ser español “dos outros”, dos que tamén tiñan outra cultura de seu. Si. E de repente, esfiañouse o fío. E na Barcelona multicultural gañaron espazo voces menos universais, máis de masía e menos da urbe; menos da banca e máis da bolsa de vasura chea de billetes para Andorra. E se noutrora era a sedución o que alí nos levaba, do verbo seducir, conducir á parte que un quere, agora desacóuganos oír máis sedición. Tamén procede dunha forma latina e tamén leva o prefixo se- de separación, pero combinado cunha antiga forma do verbo ir. Ou sexa, non o que conduce ao encontro, o que seduce, senón o que se bota para fóra.

E dóeme que amigos que viven en Cataluña, sobre todo se manteñen posturas en favor de continuar a convivencia común no estado democrático e autonómico, se sintan hoxe pouco queridos. Eu estou disposto a deixarme seducir e tamén a intentar facelo. A lei, por suposto por diante, pero tamén algo máis cá lei cumprirá. Se cadra para restaurar convivencia, hai que botar man doutras palabras da mesma familia de secesión pero máis suaves, como intercesión, concesión, cesión... O rei, no seu papel, hoxe non pode, claro, falar de diálogo, senón só da primacia da lei. Pero eu, por sorte, rei non son. Así que, o meu consello, déanlle lei e palabra. Será o mellor. Digo eu.