Opinión

Descontrol vexetal

Das páxinas web máis interesantes que coñezo, hai unha de cartografía da Xunta, que no seu enderezo (http://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/) é unha auténtica marabilla. Nela un pode ver, por exemplo, a sucesión de seis capas de fotos aéreas de toda Galicia desde o famoso “voo americano” de 1956-7 ao de 2014, escollendo en cada momento o “mapa de fondo” que a un lle pete. E pode superporlles moitas cousas escollendo a “capa” correspondente, incluso o castastro actual. E cando cambia a foto de fondo, non se move nin un milímetro a trama do catastro. Ou sexa, pode ver a evolución das construcións, camiños, estradas, vexetación, etc. durante máis de cincuenta anos, baixo as liñas transparentes das fincas. E saben que cousa é a que máis chama a atención? Pois algo que pode resultar raro a quen se enfronte ao tema con ideas preconcibidas. Que a pesar dos incendios forestais, hai hoxe moitísimas máis árbores ca nunca na historia de Galicia. E isto é, obviamente, síntoma dunha desgracia.

As transformacións na paisaxe vémolas clarísimas todos os que temos ollos activos e máis de cincuenta anos. O monte ocupa de forma inexorable o que eran centeeiras, veigas, lameiros veigas. Xa ninguén bota pan -ou sexa planta trigo ou centeo-, xa ninguén alinda gando -nin do leite se pode vivir-, e se se bota algo de millo, de patacas ou grelos é por irse entretendo mentres non chega a pensión. Xa pouca xente en idade de traballar queda no campo.

Vendo o mapa do voo americano do 1956 e o de 2014 -rétoos a que o fagan de sitios que coñecen- verán a explosión construtiva que houbo preto das cidades e vilas, e, sobre todo, o avance da selva, do monte, da contaminación arbórea. Si. O abandono da actividade agrícola non se produciu en favor do desenvolvemento do sector forestal, senón do puro e salvaxe abandono. E cumpría endereitar o tema.

Cando comece a arder de novo no verán -e este ano con tanta chuvia que houbo e tanta herba e “biomasa”, arderá a diolas dar- non teñan medo á deforestación. Entre 1995 e 2008, o número de árbores en España incrementouse en 2.200 millóns; a maioría en Galicia. Non sei se sobrarán, pero nunca antes houbo tantos na historia. Lembremos que en frase atribuída a Estrabón -que nunca a dixo, por certo- un esquiu -ardilla pola fala castelá- podería ir de costa a costa saltando de árbore en árbore. Pero isto non era gabanza ningunha; era para dicir que se trataba de terra salvaxe. Logo, efectivamente, coa cultura, co cultivo -palabras irmás, claro- o monte recuou e humanizouse o espazo agrario en agras, leiras, eidos, lameiros, etc. etc. etc. e o monte era o residuo selvático que cumpría tamén a súa función. Ou sexa, o monte é caza, é paleolítico e depredación e recolección. E o prado gandería e o labradío, son neolítico cultivo e produción. É avance. Así, arestora, case abandonada a actividade agrogandeira produtiva, vén o monte a contaminar vexetalmente o medio outrora humanizado. Imos para atrás. O monte é ben bonito para dar un paseo, pero non se come. Só as setas. E para iso, cómpre coñecelas ben.

Te puede interesar