Opinión

Dezasete meses

Estes días ándolle dando voltas a San Francisco na cabeza. Repaso vellos libros, como a marabilla “Los tres conventos de San Francisco...”, do R.P. Doroteo Calonge, publicado en Oseira en 1949, e que recolle pormenorizadamente a historia do traslado da igrexa desde a localización vella onda o claustro ata o Parque de San Lázaro. E a verdade é que me resulta ben curioso -dígoo con envexa- da eficacia dalgunhas cousas de tempos idos. Deses cando o importante era que a distancia entre a idea e o feito fose a menor posible. Tempos de tecnoloxías escasas, pero de palabras e ideas grandes. E si. Desde que se asina a venda do solar da igrexa ao Ministerio de Defensa ata a inauguración do templo no novo emprezamento habían pasar menos de dous anos. 

Un pouco o cronograma foi o seguinte. En 1925 os franciscanos ergueran un novo convento -realmente unha casa- no Parque de San Lázaro. E usaban a capela de San Lázaro para as cousas relixiosas, pero cumpríalles construír unha nova igrexa máis ao xeito. Samuel Eiján, superior dos franciscanos de Galicia, ten a idea de vender ao ramo da Guerra o solar da igrexa de San Francisco, en ruína progresiva desde a desamortización, e ao lado do xa cuartel outrora convento, e con eses cartos custear a construción dun templo novo aproveitando o que teña de valor histórico o de arriba. E proponllo ao bispo Cerviño o día 24 de novembro do 1925. O Bispo dálle o OK o día 26. O día 27 fanlle a oferta aos militares, sen prezo taxado para que o poña unha comisión de expertos neutrais. O día 25 de marzo do 1926 acepta o Ministerio. O 27 de abril dá o OK o Vaticano. O 27 de xaneiro do 1927 a comisión di que 49.860 ptas. vale o solar. O 27 de marzo pídenlle axuda os franciscanos á Comisión de Monumentos -a Marcelo Macías- para que oriente os traballos e salvar o principal do que haxa arriba. O 31 de agosto de 1927 asínase a compravenda. O 7 de novembro comezan as obras de desmontar e trasladar. O 1 de xaneiro de 1928, nun acto moi solemne, colócase a primeira pedra no Parque (con Angelita Varela como estrela); o contratista é un eficacísimo Manuel Seoane, e en dezasete meses, tal que o 30 de maio de 1929, inaugúrase o novo templo. 

Voces en contra houbo varias importantes. Desde Antonio Palacios, o arquitecto, a José Fernández Gallego, ao director de El Heraldo Orensano. A favor, a Comisión de Monumentos, Angelita Varela, Manolo Conde, o arquitecto e director das obras, etc. Non sei que nunca se pronunciaran os galeguistas, pero supoño que o farían. Ou calarían, que todo pode ser.

O caso é que neses dezasete meses os críticos cambiaron de opinión pois viron como o templo novo tiña a maioría dos elementos do vello e como as vidrieiras do taller de Maumejean facían un remate cheo de luz, etc. Non sabían que despois forrarían o templo de edificios que foi esa a pexa nos nosos tempos, que non nos do traslado.

E ben dezasete meses de obras, e pouco máis de papeleos anteriores. E co asesoramento técnico voluntarioso da Comisión de Monumentos. Vaia. Vaia. Vaia. Hoxe unha obra semellante, pois vémolo nas que se estilan neste século ou que xa empezaron no anterior. Biblioteca, Arquivo... tardaron as súas décadas. O Museo Arqueolóxico, pois outro que tal baila. Vai para 22 anos. Pero o traslado exitoso de San Francisco, dezasete meses! Parece contradición pero o exceso de auga seca as plantas. Se cadra o exceso de normas e burocracia, afoga. En fin. Cousas de tempos idos. Está claro que calquera tempo pasado foi anterior. E niso estamos todos de acordo. 

Te puede interesar