Opinión

Estupido refraneiro?

Desde a sobredose d’O Quixote cos seus milleiros de refráns, a cousa da sabedoría paremiolóxica foi caendo en descrédito, por sobredose. Hoxe é de mala consideración usar recursos populares como ese, porque declara un, sen querelo, ser bebedor de viñota tabernaria e non gozador do Tokay húngaro en medios académicos ou palacianos.

Aínda así, de cando en vez, non está de máis pensar que o refraneiro pode axudar a simplificar cousas. Sen máis. Por exemplo, se di que “nin casa ao pé do río nin viña ao pé do camiño”, pois non hai que matar moito a cabeza para emparentar o dito cunha adevertencia xeral coas cheas que ciclicamente se producen en todos os ríos do mundo mundial e contra a uña longa dos camiñantes. E facerlle caso.

Así, este ano de chuvias e tempestades no mar, a natureza quixo e volveu ao seu. E tanto ten que falemos do pé do río Miño, onde só se constrúe con pólvora do rei, como dos paseos artificiais que se fan, nin máis nin menos, que ao pé do mar océano, onde impera Neptuno, señor furioso que coa súa forquita -ou galleta- axita mares e terras e provoca tempestades e terremotos. Ou pola nova, cicloxéneses e tsunamis. E fan paseos ao seu lado, como se a xente non puidese pasear máis que polos carreiros de madeira ou lousas construídas pola SA amiga de turno. Non había logo antes beira do mar? A auga chegaba ás casas? Non tal. E saben por que? A cousa que lles vou dicir halles parecer simple e abofé que a máis non poder. E nada ten que ver co cambio climático, nin co requecemento da atmosfera, nin coa elevación do nivel dos océanos, nin co Ártico, nada de nada desas cousas. Pero é produto, si, dunha investigación de sillón, a base de telexornais. Señores, antes, a auga non chegaba ás casas, porque as casas non se facían ao pé da auga. E por que non se facían as casas ou os paseos ao pé do mar? Por se acaso. Simplemente.

Pensemos. Baiona, está de cu ao mar aberto. Como Coruña. Ou son tan vellas as casas de Riazor como as das Galerías da Mariña? Os vellos edificios de Baiona dan á estrada que vai á Guarda? Ah! Así que cando o mar bota fóra non chega aos sitios vellos. Que cousas! E iso que os que fixeron Fisterra, Muros, Baiona, Camariñas, Burela, A Guarda na idade media, non tiñan planeamentos urbanísticos, nin consultings de xestión do territorio.

E cando medra o Miño, pois non pilla casas dos Peares, nin de Oira, nin de Velle, nin de Untes. Oh! Que raro! E nin lles desfai as viñas aos de Castrelo, Ah! Por que será? E é bastante probable que cando fixeron as casas ou plantaron as viñas, non houbese tampouco gabinetes medioambientais, nin estudos de impacto. Tiñan refráns e seguíanos.

E así, tampouco o aire levou teitos de igrexas románicas, nin de casas de veciños. Só tellados de pavillóns de escolas e institutos. Para pensar.

En fin, ás veces hai que lembrar algún refrán, só algún, e facerlle caso. Non pode ser iso de “obra do común, obra de ningún”.

Te puede interesar