Opinión

Galicia avellentada?

Unha das cousas que máis me gusta nesta vida -e que máis fácil me resulta, por certo- é estar con xente máis lista ca min. A de cousas que aprende un, a de puntos de vista nunca imaxinados nos que nos poñemos porque outros os pensaron e nolos comunicaron e nos convenceron... Aprendizaxe natural esta a base de escoitar a palabra doutros. Lembren, nestes tempos de monólogos superpostos, escoitar é prestarlle atención a alguén mentres fala, cousa extraordinariamente importante.

E se esa persoa que usa a palabra é un filósofo divertido e imaxinativo, pois moito mellor. Así, o domingo pasado, no acto de entrega do Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, o galardoado, Carlos Amable Baliñas, filósofo de Quireza, en Cerdedo, reflexionou sobre cousas claves cun fío de simpatía que a algúns nos deixou remoendo as palabras, que para iso, sabiamente, se achegou deste xeito tan elegante e silandeiro.

Falaba do tópico de ser Galicia un país avellentado. Sorprendentemente dicía que non. Que de ningunha maneira. Que o de dicir que Galicia era unha terra avellada era un punto de vista enganoso e errado. Que Galicia era un país marabilloso onde a xente vivía, por sorte, moitos anos; uns 83 anos a feito e máis de 86 as mulleres. E como con estes datos dicía que non era un país avellentado? Porque coa retranca acumulada nos seus case 87 anos, remarcaba a evidencia de que o problema non era, desde logo, que os vellos vivisen moitos anos. Que así dicindo “avellentado” parecía que se lle botaba a culpa aos vellos por non morrer. E que sería moito máis xusto falar de país “pouco rexuvenecido”. E así, a “culpa” non sería pois dos vellos por non marchar, senón dos novos por non contribuír máis ao cómputo dos galegos. O problema demográfico está relacionado con que nazan poucos nenos e non con que morran poucos vellos. Dicía, claro, que el era parte interesada nesta visión porque cando oía o de país avellentado, imaxinaba que alguén quería eliminar aos vellos en vez de celebrar o xúbilo e a sorte de nacer nun país no que se vivía moito.

Logo, no xantar, sinalaba a necesidade de máis axudas á xente nova para procrear. Eu achegáballe, por xogo, o punto de vista contrario. Dicíalle que en xeral é o oposto: as xentes con menos recursos -falemos, por exemplo, de minorías xitanas, inmigrantes ou pobres- son os que máis fillos teñen. En moitas comunidades básicas de recolectores ou produtores apegados á terra, como ben me apuntaba un día aí atrás o arqueólogo José Eguileta, ter máis fillos significa ter máis brazos para facer e emprender. E aínda que se precisase máis de comida, o balance entre ese consumo extra e o traballo achegado sería favorable. Daquela na maioría das sociedades tradicionais, sempre consideraron que ter poucos fillos era unha desgracia. En fin, a cousa é moi complexa, pero desde logo, ten razón Baliñas. Galicia é unha sociedade moi pouco rexuvenecida. E nesa idea, na da necesidade de incrementar o índice de reprodución dos exemplares en idade fértil, é onde cómpre centrarse. E deixar aos vellos tranquilos. Eles, ademais, fixeron a súa parte ben, e se os novos tivesen os fillos que eles tiveron, con moitos menos medios e axudas, pois non habería problema demográfico. O dito. Cómpre pórse a elo.

Te puede interesar