Opinión

De himnos, pitos e identidades

Mentres non nos convenzamos de que as identidades modernas son máis de matriuskas rusas que de figuriñas de Sargadelos, imos mal. Porque a oposición dunhas con outras aparece como inevitable cando en realidade non o é. Eu son de Ourense, e son galego, e son español, e son europeo, e son occidental, e son humano. E terrícola, por se hai alguén por aí fóra. Ademais que eses datos son só de localización xeográfica ou cultural, pero hai outros máis importantes. Posiblemente un cego de Ourense teña máis en común, en canto a problemática vital, cun cego de Londres que cun taxista de Barcelona. E este, seguramente, ten moito en común, en canto a problemática vital, cun taxista de París por iso das aplicacións que disque lles sacan traballo. Ou un futboleiro de Vigo ten máis de que falar cun futboleiro de Milán que cun poeta de Nigrán. En fin, que as nosas identidades son complexas e entrefrebadas de moito fíos distintos. Pero somos mamíferos e se non mexamos nas esquinas como os cans para marcar territorios, é porque nos movemos en esferas máis amplas e pintamos raias e coloriños nos mapas chamados políticos por contra aos físicos, os que sabemos reais, inmutables.

O outro día pitáronlle ao himno español nun partido de fútbol non sei onde. Feo. Feo feito. Pero dese himno o mellor é a letra. Non ten. A verdade é que un himno orixinalmente, en Grecia, era un canto aos deuses. Descenden os actuais dos himnos homéricos, unha colección de trinta e poucos poemas cantados aos deuses (Demeter, Dionisio, Afrodita, Artemisa, Atenea, Apolo, Poseidón, etc.). Os cristiáns copiaron eso de facerlle poemas cantados a deus, os himnos litúrxicos, e despois, co nacemento do mundo moderno, fixéronse himnos para engaiolar a todos os colectivos. “A Marsellesa”, o himno do Barça, dos Boys Scouts, “Os Pinos”, “A Internacional”, o “Cara al Sol”... Agora, máis que ao redor de himnos e bandeiras, as identidades colectivas xuntánse ao redor de símbolos novos, ou sexa, cantantes, deportistas, modas, etc. Ben. É o que hai. 

O himno español creo que ten pouco cariño popular por excesiva presenza durante o mandato do pequenote de Ferrol. Lembro como ás noites, ao acabar a televisión, soaba o himno ese cunha foto da bandeira coa e a foto do señoriño aquel, que moi guapo non lles era. Todo o mundo apagaba a tele porque xa sabía como acababa o conto: co pitido agudo para despertar aos que quedaran durmidos diante da tele. Só sei dalgunha casa con simpatías polo ferrolán, na que facían erguerse aos fillos para escoitaren todos calados o pachín pachán do himno. Mi madriña.

Eu creo que cando foi o cambio de réxime, igual que se cambiou a bandeira –sacándolle a águia dos Reis Católicos para porlle un escudo novo- poderían ter cambiado o himno e poñer, miren que cousas, o Himno de Riego. Non se me asusten. A pouco que un furgue na historia, verá que o tal foi o emblema dos erguidos en contra do absolutismo e a favor da Constitución de Cadiz de 1812. Así, triunfantes os liberais, foi o himno oficial da monarquía constitucional de Fernando VII, prohibido na década ominosa, e volto a restituír pola monarquía de Isabel II. Etc. Ou sexa, o Himno de Riego foi o símbolo dos monárquicos liberais españois fronte ao absolutismo e foi asumido logo polos republicanos. Ademais é máis bonito. Tararí tararí taríiiri, tarari, tararí, tarará...

Te puede interesar