Opinión

O "insecticida" e a intrascendencia da verdade

Estamos en tempos curiosos. Algo que era tido por sumamente importante perde o seu valor: a verdade. Tanto dá o que vexan os nosos ollos, tanto dá o que nos diga a razón, todo tende a ter menos importancia que o relato que domine. E para non distraelos do principal non lles vou pór exemplos: cada un pode pensar en varios, seguro. 

O caso é que o luns pasado asistimos a unha protesta dos bombeiros comarcais diante da Deputación de Ourense. Que estaban mal liderados parece claro cando lograron que unha opinión pública de partida sempre neutral e expectante -e que sen dúbida podería ver con simpatía a causa dunha equiparación salarial dun gremio ben apreciado como son os bombeiros- se situase automaticamente en contra dos seus excesos, e por dano colateral, das súas reivindicacións. Sabemos agora que os dirixentes ademais de incompetentes teñen boca ancha e non axustada á verdade, pois o relato que tratan de construír nos comunicados está en contradición coas imaxes que todos vimos. 

Alí estaba a Policía dun estado democrático defendendo a porta dunha institución elixida, fronte a un colectivo que “faltándolle” ao seu uniforme, empeza por queimar pneumáticos no centro da rúa, colapsando o tráfico, e lanzando pintura contra a fachada da institución e rompendo cristais. E ao trataren de entrar pola forza no edificio, abalánzanse sobre uns policías que defenden a posición. E claro, non nos enganemos, chámanse “forzas de orde” porque nos estados democráticos son os empregados públicos aos que a sociedade no seu conxunto lles cede o monopolio da violencia para non andar todos armados e a golpes. Por iso, cando vemos algo violento ou perigoso, chamamos á Policía. Por iso os grupos extremistas antisistema fan pintadas, como a que hai na Pasarela do Vao, de “exprópialles o monopolio da violencia”. 

E non. Non é tolerable que se lance pintura contra a fachada da Deputación. Nin de calquera outro edificio, como a CEOE. Non é xeito de reivindicar nin negociar nas sociedades democráticas avanzadas. Deben demostrar a forza da razón, en despachos, mesas de diálogo e apoiarse, se queren, en manifestacións. (Estiven na grande “festa” do 1º de maio de Berlín e sentín envexa do ton xeral). Deben demostrar que teñen a mesma formación, preparación e traballo que aqueles cos que piden igualarse. Non o sei se así será, creo que si. Pero o que teño seguro, é que o seu colectivo non pode esgrimir a razón da forza na rúa e da mentira na construción do relato.

A imaxe do lume saíndo dun spray dirixíndoo contra a Policía fala dun delito. Que o relato do redactor da nota sindical chegue a falar do “desafortunado empleo de un insecticida que después de inflamarse durante su proyectado pudo interpretarse como una herramienta de amenaza” ten que ver con parte do título: a intranscendencia da verdade. Parece que trata de que pensemos que andaban matando formigas e “inflamouse” o spray -seguro que sen querer-. Obviamente non é un “lanzallamas” do exército, pero si era un obxecto usado para lanzar chamas sobre uns funcionarios públicos. Facérense as vítimas en sucesivos comunicados tentando distinguir entre policías bos e “discordantes” amosa unha tendencia excesiva á literatura fronte á capacidade de negociación. 

Moita serenidade hai que ter para admitir como interlocutores uns dirixentes sindicais como eses. Mal liderados parecen eses traballadores. 

Te puede interesar