Opinión

Juanito Monjardín e os calzóns de Ronaldo

Que os modelos da xuventude sexan hoxe uns tipos que cospen no chan, que tratan de engañar aos árbitros, que lle botan sempre a culpa aos compañeiros cando fallan, que urran como gorilas da montaña de Ruanda, que defraudan a Facenda e fan calzóns co seu nome porque lles dan o 17 por cento das vendas, é de pena. Parece que teñen só en mente meter cartos no peto ou gastar como posesos en coches. Vinte ten o Ronaldo e só un cu para sentar neles. E outro non pode comprar. Lástima. En fin, á parte de gañar cantidades inxentes por algo tan pedestre -e nunca mellor dito- como darlle co pé a un balón, fan de homes orquestra anunciando  calquera trapallada que se lles poña a tiro; ata infames xogos para débiles mentais en internet. Que ninguén me diga que iso é un deporte. E digo Messi, probiño, Neymar, outro, ou Cristiano Ronaldo, epítome de virtudes; con retranca, claro. Ou Mourinho. Todos con problemas con Facenda. Todos adorados polo vulgo. Todos con problemas de comprensión e expresión graves. Todos afogados en cartos. Todos modelos a abominar. 


E Juanito Monjardín quen viña sendo? Só os madridistas máis sabidos lembrarán un dos xogadores estrela do Real Madrid na década dos vinte;  o primeiro en ser chamado para a Selección. O seu era o xogo de cabeza e engaiolar o público. Foi ás olimpiadas de Amberes en 1920 e as de París en 1924. Un día Torrente Ballester, en Baiona, entoou para min unha canción que lle cantaban os mozos madridistas coma el nos estadios. Este Juanito Monjardín nacera na Coruña -como o meu avó Afonso- e eran, claro, parentes. Dunha rama que marchou a Madrid. A parte rica. O pai era axente de cambio e bolsa, e Juanito aínda que estudou enxeñería, herdou posto no parqué. En fin, un señorito, guapo, esforzado, deportista, estudiado, con éxito. Pois resulta que nos finais dos anos vinte había un debate no fútbol español sobre se os futbolistas debían que cobrar ou non. No vestiario branco as dúas posturas estaban comandadas por dous rivais: Perico Escobal en favor da profesionalización e Juanito, do amateurismo. Dicía o Monjardín que se pagaban aos xogadores, onde ía parar o espírito deportivo; o deporte era un xogo, unha ocupación temporal, de mozos, e que despois cada un tiña que traballar no seu. En fin, moita visión non tivo. (Tampouco o Perico Escobal, republicano de esquerdas, que despois de pasar polos cárceres franquistas exiliouse en Nova York onde morreu só e esquecido, case centenario en 2002). 


Así pois, cando chegou o de cobrar, Juanito, deixou o fútbol e dedicouse á bolsa. Tampouco lle foi mal; logo matouse nun accidente de coche vindo dunha cacería, seica, en 1950. E pregúntome, que pensaría o meu parente estrela do Real Madrid se vise en que mans anda o fútbol hoxe? Directivos ladróns,  subornos, pelotazos, representantes trapalleiros, paraísos fiscais, fondos de investimento, chineses comprando clubs, da FIFA nin lles conto... Queda algo do deporte? Máis abaixo, si. Nas chamadas categorías inferiores. Que, creo eu, son as superiores moralmente. Ao seu esforzo, todo o meu respecto e admiración.

Te puede interesar