Opinión

A necesidade dunha política cultural ourensá (IV)

O día pasado faláballes da dispersión de iniciativas culturais da Deputación e da súa xoia, a Biblioteca. Hai máis cousas positivas. Para empezar, o papel editorial. Si. Nestes tempos onde á penas queda iniciativa privada que a tal se dedique en Ourense, a Deputación edita. E non mira exclusivamente a rendibilidade económica, pois sabe como institución que hai cousas, como a sanidade, a educación e a cultura, que non se poden medir con parámetros só de retorno, pois non son “gasto” senón “investimento” en futuro. É o motor editorial de Ourense. Para ben e para mal. Coma todo. 

Outra grande cousa é o Centro Cultural Marcos Valcárcel, niño de actividade. Como das exposicións propias na súa sede -grandes, como a dos Suevos, modestas, moitas outras; importantes, todas-, conferencias, mesas redondas, o Certame de Artes Plásticas, neste ano na XVII edición. E tamén, cun papel de acubillo permanente para outras iniciativas, como o Ateneo, o Museo do Tren, a Fundación Blanco Amor, o Foro la Región... ou de receptor universal de sangue cultural alleo. Lembro, por exemplo, as grandes exposicións de Nós e de Afonso X, por dicir dúas, coa participación da Xunta e da Deputación. Ninguén pode imaxinar hoxe a vida cultural de Ourense sen o Centro Marcos Valcárcel. Máxime coa total retirada do Concello deste ámbito, caso inaudito en España, que chega á supresión da palabra “cultura” entre as denominacións das concellerías. E isto aséntase en impulsos persoais. Como noutrora a Casa da Xuventude en Benito Losada ou a Aula de Cultura de Caixa Galicia en Pepe Trebolle. Francisco González é o éxito do Centro Cultural; e Aurelio Gómez Villar, o das outras actividades da Deputación, propias e apañadas -digo ICCWeek, Xornadas do Cine, Premio Blanco Amor, etc.-.

Isto todo está no haber da Deputación. Pero ten tamén debes grandes. Por exemplo, non é lóxico que unha institución bicentenaria careza dun arquivo histórico propio da institución. Non é lóxica a desestruturación, e infradotación de persoal e medios dos seus servizos culturais. Non é lóxico que careza dunha ambiciosa política -para ben pactada entre todos- que teza os fíos propios e alleos para construír o lenzo da cultura ourensá. Un dos labores do tardofranquista Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijóo era coordinar esas iniciativas na provincia. Hoxe, outros son os tempos, outras as institucións, outros os intereses... pero non sería bo ter un lugar de encontro entre, por exemplo, os pequenos museos e coleccións permanentes de Ourense, digo, Vilar de Santos, do Viño, Guinea, da Escola e infancia de Trives, do Médico en Maceda, Liste en Oseira, etc. etc.? Non estaría ben que houbese un lugar de encontro das bibliotecas municipais máis movidas, como Verín -gloria haxa- con outras? Non estaría ben impulsar a creación dunha hemeroteca provincial tecendo os recursos da Xunta, e os fondos da Deputación e concellos, como o de Ourense, por exemplo? E mil cousas máis que só se poden facer desde o poder, creando estruturas, dotándoas e avaliándoas, pois as vontades esmorecen e as persoas pasan.

A Deputación de Pontevedra ten seis inmensos edificios dedicados á Cultura. Eu só pido para empezar, unha reflexión, aberta, libre, creativa, desde a institución, coa participación externa. Son tempos para que a acción cultural da institución dependa de máis ca dos intereses inmediatos do gobernante. Cómpre facer país, provincia, cidade, facer cidadáns libres e preparados. E niso a Deputación ten hoxe unha responsabilidade especial.

Te puede interesar