Opinión

O meu Fontán

Unha das ventaxes do exercicio desta especie de “arte efémera” que é escribir nun xornal, é que podes repetir un tema, unha anécdota, un conto, ao cabo dos meses ou dos anos, coa seguridade de que moitos dos lectores ou son novos ou teñen a memoria fráxil ou ben son, como conveciños amables, xente xenerosa que permiten esa licencia de reiteración.

O caso é que estes días andamos na Fundación Otero Pedrayo cunha homenaxe a Domingo Fontán, “o home que lle puxo rostro a Galicia”, como dicía o señor de Trasalba. Certamente antes del xa outros fixeran mapas. Pero sen saíren dos despachos da corte. Ou sexa, de oídas. E con moitos erros. Tantos que a imaxe física de Galicia aparecía distorsionada e elástica. Os habitantes desta bendita terra sabían ben que existía un lugar chamado Galicia, pero non lle puñan cara. E así, para poñerlla, e para dar o exemplo do que se podería facer por toda España, durante dezasete anos, Domingo Fontán percorreu todo o noroeste, Galicia e zonas adxacentes -dicía que estivera en 10.000 aldeas-, medindo e apuntando todo, e contou para o traballo cuns pouquiños colaboradores. Entre eles, un enxeñeiro e arquitecto de veciñas terras luguesas pero morto en Ourense, Alejo Andrade Yáñez, o deseñador do noso Teatro Principal e doutras obras principais de Ourense e de Galicia toda, que ben merecería estudos e atención nunca prestada.

Ese mapa famoso, á parte dun magnífico mapa, o primeiro moderno de España, é unha auténtica pedra clave na formación da imaxe do noso territorial colectivo. Otero conta que de pequeno subía a unha silla e ollaba o mapa no despacho do pai ou do avó. E desde esas foi un admirador fondo de Fontán. Despois, soubo que tiñan, dalgún xeito, historias comúns en varios puntos: eran persoas ilustradas ambas, ao tanto das novidades europeas, foron incluso parlamentarios en Madrid. Otero, pouco; Fontán, moito. En fin, Cunqueiro tamén falou do seu engaiolamento co Fontán, de alumno no instituto de Lugo. E así, moitos outros, dun xeito ou doutro son debedores das imaxe plástica do Fontán. E se pensamos que ata 1955 non se remataron as follas do Mapa Topográfico Nacional 1:50.000 correspondentes a Galicia, pois vemos ben a importancia e o eco que tivo.

En fin, eu tamén teño a miña anécdota cun Fontán. Precisamente co exemplar que levou Otero de regalo ao Centro Galego de Buenos Aires e diante do cal pronunciou unha das súas memorables conferencias na Federación de Sociedades Galegas, en 1947. Alí está hoxe pendurado nunha parede, ao lado doutras xoias. E alí, unha mañá calquera de 1987, unha velliña avellentada buscaba chorosa a aldea dos seus antepasados onde ela nacera había moitos anos. Quería pedir un certificado de nacemento e poder cobrar unha pensión. Só sabía que eran galegos de León. E dicíanlle todos que non, que sería da Meseta. Pero teimaba en que lle soaba a palabra Piñor. Decateime do tema, e ensineille no mapa o León de Vilamarín e rompeu a chorar. Tal como se fose un conto de Castelao, ela colleume das mans, e dixo que rezaría por min todos os días que lle quedara da súa vida. Espero por ela -e por min- que fosen moitos. 

E espero tamén que estas xornadas contribúan a facer que un galego moi recoñecido nos ambientes cultos de España -está enterrado con Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres- sexa tamén un pouco máis coñecido por todos.

Te puede interesar