Opinión

Obras públicas e molestias privadas

Non teño datos pero é fácil deducir que nos últimos cincuenta anos sobre o planeta Terra se levan feito máis obras publicas, máis remocións de terra, aperturas de vías, construción de túneles, pontes, portos, e edificios, que en toda a historia a humanidade previa. Daquela, concordarán comigo, en que as molestias aos cidadáns por estas obras tamén se incrementaron. Pero o normal é que despois dun tempo, ao finalizaren, os cidadáns respiren aliviados e contentos de que se fixesen. Pero dada a proliferacións de obras, é preciso escalar molestias. Os cidadáns merecen respecto e amolalos, podendo evitalo, é unha falta del. 

E agora, na cidade de Ourense, está todo levantado por obras. Despois do imponderable das urxentes na rúa Celso Emilio Ferreiro por mor daquelas chuvias torrenciais, vemos como outras obras menores pechan o centro no sentido leste oeste. Ou sexa, que desde o Xardín do Posío ata a Rúa Nova que conecta as Lagoas con Buenos Aires, non hai forma de cruzar a cidade nesa dirección. Porque pechados ou obstruídos os eixos leste-oeste, Concordia, Bedoya, Habana e Celso Emilio Ferreiro, só quedan as partes extremas para moverse. O tráfico de saída do centro da cidade cara ao Norte (enlace coa autopista, estradas de Santiago, Monforte, Ribeira Sacra, Derrasa, Ponferrada) terá que pasar pois, por Curros Enríquez. O colapso que estamos vivindo estes días nas horas punta, no tramo desta rúa entre a Avenida Habana e as Lagoas, dá a medida do que será cando comece o curso os primeiros días de setembro.

Tan difícil era secuenciar os cortes? Tanta urxencia en moitas destas intervencións? 

Non creo que sexa intencionado para desa-nimar aos cidadáns a desprazarse en coche, como unha proba do “peche” da améndoa central da cidade. Moito me temo que é falla de planificación, incompetencia e desprezo aos habitantes, coa intención urxente de facer-facer-facer, gastar-gastar-gastar, na promoción da imaxe, que tan bos réditos electorais dá, de que “nós facemos e outros non fixeron”. Que se faga ben ou mal, pago ou a pufo, molestando ou non, non importa nada. Ou polo menos, tal parece. Que falen sempre de ti, inda que sexa ben. En calquera caso, sempre quedará o novo e inédito recurso das autoridades municipais de mandar á merda aos cidadáns discrepantes.

Te puede interesar