Unha partida gañada a Ryanair

Unha partida gañada a Ryanair

Teño viaxado bastante con Ryanair e sonlles un grande admirador da compañía irlandesa, a pesar dos desacougos actuais. No seu día foron as lavadoras, a música dos Beatles, o radiocasete, o bikini e o Seat 600, e un par de décadas despois, o Interrail, os que modificaron moitas inercias sociais e culturais das xeracións mozas. Nestes últimos anos, nos primeiros do terceiro milenio, xunto coa informática e a internet omnipresente, foi Ryanair e súa filosofía de voos baratos e accesibles, o que modificou moitas formas de relacionárense e movérense os mozos por Europa adiante. Desde logo, ao viaxar en avión desapareceulle o glamour que tivo nos comezos da aviación comercial. Agora, son ómnibus con alas que te levan de aquí para alá; por iso, non me estraña que o intelixente e barallán Michel O’Leary cada pouco fale de vender prazas para ir de pé ou pagar nos baños, polo menos para que falen del. En fin, arestora hai xa un concepto de cidade novo, a “cidade Ryanair”, lugar favorable a visitas de mozos e non tanto, coleccionistas de destinos. Onde imos? Pois mmmmm. Porto, por exemplo. Portugal. Barato. Cómese ben, non está “petado” como Italia... e chega Ryanair. Superados os nove millóns de pasaxeiros no aeroporto Saa Carneiro o ano pasado... Moitos en Ryanair.

E unha das causas pola que máis simpatía lle teño a Ryanair é porque lles gañei unha partida. Cóntolles. Corría o mes de decembro de 2005, ou pode que primeiros de xaneiro do 2006. No Instituto andabamos coa viaxe fin de curso. Os rapaces apuntábanse e pagaban a prazos desde outubro, e nós, cunha axencia, organizabamos. A axencia encargábase de hoteis, guías e desprazamentos en Italia – o famoso triángulo Roma, Florencia, Venecia- pero nós pillabamos os avións. E así, un día que xa tiñamos os datos todos dos viaxeiros, decidimos coller os billetes para imos xuntos na mesma aeronave, Compostela-Roma-Compostela. Como saben, a medida que quedan menos prazas, soben os prezos; é normal que no mesmo avión haxa xente que pague vinte euros e outros cento cincuenta ou máis. Pero nós, deseñamos unha estratexia. Puxémonos diante de dez ordenadores, e ao tempo, empezamos o proceso de compra en paralelo. O prezo era ben barato: todo incluído, taxas, seguros, etc., 22 euros. Normal, era o primeiro día que se puñan á venda os billetes e non había nada vendido. Así pois, despois de cubrir todos os pasaxeiros, repartidos entre os dez ordenadores e poñer en todos a VISA da conta onde tiñamos os cartos, contamos, unha, dúas e tres, e démoslle ao tempo a todos ao intro. E velaí, como entraron todos xuntos, o programa non recalculou prezos á alza, e todos saíron pola cantidade inicial.

Antes dunha hora estábannos chamando da central de Girona. Pensaban que eramos unha axencia de viaxes, porque todos -noventa e dous!- ían cargados á mesma VISA. Despois dunha raposeira conversa, déronse conta de que non fixeramos nada ilegal nin inmoral nin reprobable, polo que pouco lles faltou para felicitarnos. Espabilaron de inmediato e modificaron o programa. Agora, se intentas facer esta compra “sincronizada”, dá erro e tes que empezar de novo. A verdade é que na viaxe no avión riamos, porque das cento e poucas prazas, nós ocupabamos as nosas noventa e dúas, a vinte e dous euros. Ou sexa, iamos nunha especie de “charter” no que, a bo seguro, e empresa non fixera negocio. En fin, polo ben de todos, espero que Ryanair saia da zona de turbulencias na que anda. Eu seguirei confiando nela.