Opinión

Paseo á beira do río

Saio a pasear pola beira do río. Baixo o Camiño do Vao. Cruzo a pasarela. Os nenos enredan xogando á pelota baixo a pérgola. Garabatos obscenos afean as columnas; outras, simplemente, teñen raias de sprai negro. Maldigo aos borrancheiros. Collo río abaixo. Camiño a sabor da corrente. Dáme o sol de fronte. O algodón das árbores próeme nos ollos. Vexo as familias con neniños vagando preto da charca central. Ás veces hai algunha pata cos seus parruliños. Ou croan as rás. Grupos de mociñas, máis atentas aos seus móbiles que a outra cousa, sentan no petril de pedra.

Sigo. Paso debaixo da Ponte Vella. Marcas románicas lémbrannos os tempos medievais do bispo Lourenzo, construtor, tamén, da catedral. No parque inclinado de herba perfectamente coidada, están parellas que se queren e que se desexan. O hórreo que outrora acollía as luces que alumeaban a nosa Ponte Maior desde o río abaixo, parece inútil. Ou non. Non ten paus nunha parte. Por alí empoléiranse os mozos, a facer as cousas dos mozos. Pero con boa vista. O hórreo, o semi-hórreo está cheo de pintadas e borranchos. Fíxome no último arco da Ponte Vella, sobre o río, na parte de Ourense. Cheo, na base, tamén, de borranchos de cromatismo variado. Non lembro que estivesen alí hai unhas semanas. Seguro que cando limparon a ponte hai uns meses, de estaren, serían eliminados. Dóeme o maltrato animal, deses animais, ás cousas vellas.

Sigo. Avanzo. Traseiras fermosas de casas pobres do Ribeiriño. Imaxínoas como vivendas medievais dos traballadores na construción da Ponte. Miradoiro privilexiado para gozar do avance da obra. Non vexo plantadas as flores que outros anos adornaban as beiras dos taludes que descen desde a estrada vella.

Sigo. Dor dos escuros e caóticos sillares dun muíño esfarelado polos tempos, polas cheas, pola nosa desidia co vello. Fermoso sería velo ergueito e útil. Con novo uso. Como algo turístico. Rumor grave das augas nas pedras que se agochan debaixo das lazadas modernas que lle dan, da outra beira, a benvida ás escasas pingas do amigo Barbaña despois do túnel que foi Ponte Lebrona. Aquí, sobre o pai Miño, señorea a Ponte do Milenio. Sensación estraña. Novidade de formas elásticas por riba. Ruídos urbanos no entorno. Barronca ao río. Novamente o sol.

Inmediatamente, uns pasos máis alá, Ponte Novísima. Ou do Ribeiriño. E alí está el. Coma sempre. O pobre home metido no seu tobo de plásticos negros e paus tortos. Recostado como nun sepulcro etrusco. Ás veces coa radio posta e ollada ida. Os paseantes aceleramos e pasamos unha ollada compasiva e interrogativa naquela miseria. Ocórreseme pensar, tamén, na liberdade. Os servizos sociais, seguro, intentarían mil e unha vez levalo a un sitio mellor. A familia, ata a canseira, tamén. Pero el, seguramente considera mellor a súa liberdade de vivir alí que a seguridade ríxida dunha residencia con horarios e regulamentos. En fin, que viva alí agochado nas fendas do sistema, non só fala de malestar económico e seguramente de cabeza do home, senón da xenerosa permisividade colectiva coa ocupación dese espazo e a deturpación da imaxe dun paseo marabilloso, emblema do esforzo colectivo e persoal polo benestar. A súa presenza lémbranos que o mundo non é perfecto. Por se había dúbidas.

Te puede interesar