Opinión

Primitivo Rodríguez Sanjurjo

Entre os personaxes curiosos que leva dado a cidade, merece un lugar destacado don Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Para a maioría o seu nome é descoñecido. A algúns soaralle en relación cunha revista iniciática da intelectualidade ourensá, do ano 1917, La Centuria. Fálolles hoxe deste curioso intelectual por causa dunha homenaxe que promove a familia e a Real Academia Galega, e na cal, o próximo luns 1 de decembro, ás cinco da tarde, hase descubrir unha placa na súa tumba do Cemiterio de San Francisco, case enfronte da do seu amigo Otero Pedrayo. Convidados quedan.

Primitivo nace en Ourense en 1880 no seo dunha familia en ascenso fulgurante. Fillo de Juan Rodríguez Montero e Casilda Sanjurjo Aguilar. Ambos de Puebla de Sanabria, veñen montar negocios de distribución por Galicia. En poucos anos, don Juan e os seus irmáns -Florencio, etc.- fanse cunha considerable fortuna. Teñen tres casas na Praza Maior, outra na Alameda e o antigo Pazo da familia Valladares, coñecido hoxe por Casa dos Montero ou dos Encinas, ao pé da Praza de San Cosme. Cando parten o capital, o pai de Primitivo queda, polas súas afeccións agrícolas, con esta propiedade que chegaba ata máis alá da vía e do Posío. Logo viñeron varias dolorosas expropiacións (tren, San Francisco e casas na traseira de Julio Prieto) que reduciron á mínima a finca. 

O neno Primitivo tivo tres irmás, Teresa, Josefa e Lucía. Moi listo xa desde pequeno, estudou dereito en Salamanca e Xeografía e Historia en Madrid, onde remata en 1905. Alí participa nas tertulias intelectuais modernistas e vangardistas e enrédase nas correntes orientalizantes, teosóficas e esotéricas. Fai unha tese doutoral disparatada –propón unha nova división provincial para España, a base dunha retícula homoxénea de meridianos e paralelos, e eliminando todo o histórico-, e prepara e suspende oposicións a cátedras: xa ten fama de listo e tolo. Amigo íntimo de Otero -oito anos máis novo- cando volve a Ourense enreda a Risco no orientalismo. Os amigos todos vense na casa de Primitivo, onde el, rico de caste, trae libros e revistas de fóra. Risco debúxalle un Buda na parede alá por 1911. Si. Primitivo é, en boa medida, introdutor do cosmopolitismo, teosofía e modernidade literaria en Ourense. E cando os amigos dan o salto ao galeguismo, el, escéptico, non cre. Está en América do ano 1920 ao 1926 en que exerce de profesor de literatura española en tres universidades americanas (Ithaca e Vermount no leste, e Seattle no oeste). Os anos da revista Nós, ségueos na distancia e relátallos a Otero nunha interesantísima correspondencia americana. Publicara xa en 1910 un libro de poesía Las mesetas ideales louvado polo amigo Rubén Darío, e outro de creativas prosas neomitolóxicas Escenas de Gigantomaquia en 1923. Tamén publica colaboracións en revistas internacionais, de París, Lima ou Bos Aires. Na Síntesis porteña, acollerao unha gran gabanza de Borges.

Á volta a España, acabarase por integrar no ensino medio, e exercerá os seus últimos anos en Lugo, onde deixará lembranza de boa xente e de profesor disparatado. Entre os alumnos, Fraga, Victorino Núñez e Manuel María. Uns anos despois da súa morte acontecida en 1947, son trasladadas as súas cinzas á sepultura familiar de San Francisco, onde o luns lle faremos esta primeira lembranza. Meréceo. Ourense ten historia máis alá do galeguismo.

Te puede interesar