Opinión

A rapaza do balcón e o mundo mundial

Ooutro día, indo a Praia América, charlábamos de como cambiara o mundo das comunicacións. Lembraba un día que Lalao Reverter dicía que chegara a Panxón desde Ourense en dúas horas e cuarto, e isto foi antes dos accesos a Galicia, ou sexa contra finais dos sesenta ou nos primeiros anos dos setenta... e ninguén llo cría. Imposible. A todos lles levaba case tres. Si. A carreira completa comezaba en Ourense e tiña metas volantes en Ribadavia, A Cañiza, Ponteareas antes de chegar a destino. E con nenos, unha ou dúas paradas conviñan. E dos coches pasamos á lembranza dos buses a Santiago ou ao Carballiño en que a xente subía -se cadra con pitas nunha caixa- e todo o mundo, dun xeito inercial e natural, falaba con todo o mundo. “Rapaz, vas a Santiago, non é?”. “Pois eu téñoche alá un neto...”. Ou no tren, cando aquelas vagóns compartimentados, da fotiño da paisaxe por riba dos asentos de madeira, ou os azuis de skai, producían unha proximidade que se ía achegando á familiaridade a medida que avanzaba a viaxe e se facían máis intensas as confidencias cruzadas e máis mesta a neboeira do, por exemplo, tabaco. Estudantes, quintos, algún que outro mochileiro... Si. cando un chegaba, percorría o vagón buscando acubillo entre xentes do seu mesmo perfil... Inicios de amizades e amoríos, fugaces ou duradeiros, comunicación humana en calquera caso, substituída hoxe polo silencio extremo da abdución das pantalliñas e auriculares nas orellas, ou a conversa excesiva co móbil e xente de lonxe abouxando ás persoas de preto.

E si. E outras comunicacións. Cando marchei por primeira vez a América, uns meses, alá por 1987, miña avoa quedou chorando porque a última vez que fora alá un da familia, a principios do XX, o marido da (súa) tía Antonina, a Cuba, non volvera. Eu naquel 1987 era usuario de traveller checks, de sobres con ribetes azuis e vermellos, de papeis cebola para as cartas, fax para as comunicacións urxentes, teléfono carísimo, case prohibitivo.

E agora, hoxe, son dez da mañá, en Sanxenxo, e vexo unha veciña no balcón de enfronte sentada diante dunha pantalla dun ordenador, acenando coa cabeza ou xesticulando coas mans e cos ombreiros, sorrindo, tequelexando de cando en vez, consultando o móbil, anotando cousas nunhas follas de papel cun bolígrafo que ás veces, pousa seria na boca entreaberta. E si. Esta imaxe hai un par de ducias de meses resultaríanos moi estraña... pero agora é a normalidade: Teletraballo. 

Si. Das cousas boas –“con reparos”, como as película clasificadas 3-R noutrora- das cousas boas con reparos, digo, que trouxo a pandemia, pois está a normalización do teletraballo. Porque a moza está traballando. E en vez de facelo noutro contexto máis ríspeto, está no balcón da casa na que, seica, pasa unha parte do verán. E lembrei o que me contara unha filla que fixo desde Berlín un máster on-line cunha entidade de Barcelona na que algo tiña que ver un de Luintra, e no que facían traballo en grupo entre varios dos participantes. A dificultade principal era establecer horas comúns, pois había xente de Montevideo, da India, da China, de Alemaña...

Por iso, a quen queira teletraballar, eu recoméndolle un lugar barato para Occidente, cun desenvolvemento tecnolóxico abondo, cun clima envexable, onde se vive ben, con xente amable e acolledora, con tres aeroportos a menos de dúas horas e conexións a calquera capital europea e mundial, e dentro do espazo da Unión Europea: Si. Galicia. Costa ou interior.

(Agora que o penso, eu tamén estou escribindo desde un balcón, como arestora estarán facendo outros centos de persoas, nesta parte do planeta). Así e “novo mundo mundial” no que vivimos. E, de momento, nin tan mal. 

Te puede interesar