Opinión

Rotación posible

Sabemos que as rotacións son moi interesantes. Nas de cultivos, altérnanse plantas que teñen unha diferente relación cos nutrientes e non se esgota a terra. Nas do deporte, dáselles unha oportunidade semellante, por exemplo, aos futbolistas, para demostraren o que saben. Nas de destinos malos ou traballos incómodos, pois repártese entre todos e así faise máis levadeiro. O mesmo, claro, para os destinos marabillosos. Hai moitos anos, visitando unha cadea de montaxe nunha fábrica de compoñentes para a Citroën vin un home que metía uns cables e uns remaches nun troquel e pisaba un pedal que de forma mecánica apertábaos e deixábaos listos. Pregunteille, inxenuo, ao que dirixía a visita que que cada tempo rotaban. Sorriu e díxome que nunca. Preguntoulle ao home. Este sacou os cascos e comentou que levaba catro anos pisando pedal. Lembrei a película de Chaplin aquela, creo que “Tiempos Modernos”, na que o home seguía dándolle ás chaves inglesas no aire ao saír do traballo.

En fin, que o outro día me falaron dunha rotación posible á que, quen mo dixo, non lle vía problemas especiais. E eu, ben pensado, tampouco ningún irresoluble. Trataríase da rotación dos contedores do lixo. A cousa non ten moita ciencia. Na actualidade, logo do estrepitoso fracaso auriense -noutros sitios non- do soterramento dos megacontedores do lixo, hai puntos de cada rúa na que hai sempre varios, de plástico e grandes, para recolleren os restos producidos nas casas. Un ou dous verdes, para lixo xeral; outro amarelo, de plásticos; outro azul, para o papel. E si. Certo que estes elementos son un fastío importante para os portais e vivendas de enfronte e mesmo os locais que están ao seu pé sofren unha depreciación no seu atractivo. E como a incomodidade é inevitable, debemos xestionala da mellor forma... e repartila entre os beneficiarios da recollida do lixo parece xusto e adecuado. 

Sería posible que movesen cada ano o lugar onde se sitúan? Imaxinemos que cada contedor dá servizo a 20 portais, dez de pares, dez de impares. Pois rotando, tocáballe enfronte de cada portal, unha vez cada vinte anos. E se é a metade, dez portais, pois cada dez anos. En fin, que como teñen rodas e se poden mover con facilidade, habendo lugar posible, non parece nada complicada esa rotación. A min, polo menos, tal me parece. Porque a verdade, que che toque a “lotería” de ter o lixo xusto enfronte do teu portal para sempre, parece difícil de dixerir. Incluso algún mal pensado podería pensar en favoritismos ou arbitrariedades á hora da súa colocación. En fin, que rotando estariamos nunha situación máis equilibrada en beneficios e prexuízos entre os veciños. E iso parece sempre bo.

Te puede interesar