Opinión

Saberes e sabores de Carina Regueiro

Voulles recomendar un libro e vanmo agradecer. Se o len, xúrolles que serán un pouco máis sabios, pero sobre todo, un pouco máis felices, porque o van pasar moi ben. 

A obra de que lles falo é moi fermosa e coidada como obxecto: pastas duras, tamaño adecuado, fotos preciosísimas de cousas bonitas... incluso o papel das gardas leva delicados cadriños imitantes de mantel dunha tratoria romana calquera ou dunha taberna santiaguesa dos anos sesenta; ademais está escrita dunha forma sedutora e engaiolante e cunha letra fácil de ler.

En fin, este exitoso libro -primeiro posto nas vendas de Vigo o mes pasado e sen dúbida a que será un best seller do libro galego neste 2017- está escrito pola xornalista santiaguesa Carina Regueiro e titúlase “Estrelas da despensa galega. E 67 receitas con historia e sabor”. Non crean que é un libro de cociña, aínda que se topen orixinais e deliciosas receitas.

É un amoroso ensaio de historia, de antropoloxía, de ciencias naturais, nun rexistro sumamente accesible e amable, propio da excelente pluma da autora, que sabe comunicar dunha forma natural e tranquila un inmenso caudal de coñecementos, e integrar nel un variado receitario da súa experiencia e imaxinación.

A obra está organizada en cinco grandes temas (Da Terra, Do Mar, Da Granxa, Do Campo, Da Fábrica e Do Forno) divididos en varios capítulos cada un, con nomes que evocan produtos estrela da mesa galega. Por exemplo en “Fabas mariñeiras. Galicia foi a terra de acollida das fabas do novo mundo” ou “Naufraxio entre bacallaus.

O accidentado descubrimento dun mercador veneciano no século XV”, cóntanos en cadansúas tres páxinas, a historia da chegada a Galicia das fabas de América no século XVI e a súa amplísima variedade polo país adiante; ou a descoñecida historia de Pietro Querini, comerciante veneciano que naufraga no Atlántico despois de visitar Muros e Santiago, en 1431, e acaba perdido nunhas illas do norte de Noruega, máis alá do Círculo Polar Ártico, de onde volve a Venecia co produto estrela daquelas illas, o bacallau seco.

Despois de cada unha destas vinte achegas ensaísticas, Carina dános varias receitas co produto presentado. Por exemplo, despois deste “Naufraxio entre bacallaus”, dinos como facer uns deliciosos “arroz con bacallau”, un “bacallau case á Gomes de Sa”, un “bacallau con ameixas” ou unha “patanisca de bacallau con arroz de feixóns”. 

Saben vostedes que en Galicia hai unhas 3.000 bateas e que comezaron en 1946? Que Nicolás Appert inventou as conservas para o exército de Napoleón, e que o abrelatas é invento norteamericano moi posterior? Que o nome das vieiras é tradución de cunchas de Santiago ou xacobeas en case todas as linguas? Que se comen grelos en case todo o hemisferio norte?

Permítanme que conclúa cun fragmento do capítulo sobre as carnes autóctonas, para que gocen co estilo: “A pequena vaca cachena de cornamenta de lira; a caldelá, magnífico animal de tiro; a frieiresa do coqueto tupé; a xigante e mansa limiá e a vianesa, a benquerida das Terras do Bolo. Son as morenas galegas, as vacas autóctonas que a mediados da década dos 1990 ían camiño da extinción...[...] As morenas de Galicia, herdeiras do Bos taurus, rústicas, fértiles, boas leiteiras e resistentes ás enfermidades, dan unha carne que só pode provir dun animal feliz. 

Pois si. Gozen cos saberes e sabores de Carina. Desde Picadillo, desde Cunqueiro, creo que non houbo cousa tan saborosa na biblioteca da nosa cociña. Bon appétit e boa lectura, “galdrumeiros”.

Te puede interesar