Opinión

Sensación térmica, etc

  

Da miña estadía de seis meses na Arxentina en 1987 trouxen lembranzas dalgúns hábitos curiosos. Algúns cruzaron o Atlántico e outros non. Entre os que non, por exemplo, dar os resultados da lotería en ordinal. Ou sexa, se gañaba o gordo o 23.487, dicían na tele que gañara o “veintitresmilésimo cuadringentésimo octogésimo séptimo” e quedaban tan panchos. Entre os que si, o de os amigos dos noivos colgaren pancartas anunciando o seu enlace, e o de daren unha importancia desmedida á información do tempo nos medios de comunicación. E aí, falaren sempre, xunto coa temperatura, da “sensación térmica” que tanto amola ao amigo Antonio Piñeiro.

E como se daba o caso de que tiña un alumno que traballaba no Servicio Meteorológico Nacional, explicoume ben o concepto e tróuxome incluso unhas táboas elaboradas a man por el e a cores, pois sobráballe o tempo e faltáballe que facer. E despois da miñas reservas iniciais ao oír falar da “sensación térmica” e pensar como o amigo Piñeiro que esa era cuestión moi persoal, pois sempre houbo e haberá xente máis friorenta ou máis calorosa, convín en que era certo o que me explicara o tal alumno. Cóntollo.

Resulta que a sensación térmica establécese conxugando tres variables: temperatura, humidade e vento. Os meteorólogos arxentinos, por teren bases na Antártida, estaban moi “péritos” nestas cuestións e tíñano moi estudado. Sabían que a soa comunicación da temperatura era, desde logo, moi relevante, pero a combinación dos tres datos, insisto, temperatura, humidade e vento, sería o que daba o dato preciso de como se ía sentir unha persoa nese lugar nese momento. Que “sensación” obxectiva podería ter, máis alá, claro, da percepción individual. Como é fácil de entender, a máis humidade e máis vento, a sensación de frío é máis intensa. Imaxinemos un día moi frío e seco, propio da Celanova de inverno, deses días que o sol do medio día derrete xiada de todo menos das zonas de sombra que aguantan ata o día seguinte; aínda que a temperatura non suba de sete ou oito graos, estase ben. Pero se chove frío, con vento racheado, temos unha sensación moi desapracible. No outro extremo, a calor lévase mellor cunha brisiña que nos dea idea de frescor, por iso, nas noites de verán subimos ás terrazas do Amador a Cudeiro polo airiño que corre, e por iso se inventaron os ventiladores, para mover o aire sen cambiarlle a temperatura. 

E como pode ser que con só mover o aire teñamos esa sensación de fresco? Pois o aire en movemento por baixo da temperatura do corpo, contribúe a enfrialo. Pero se sopra aire a corenta graos, o contrario, efecto “secador de pelo”. En fin, tamén saben vostedes todos, que non lles é o mesmo unha calor seca ca outra húmida, pegañenta, de roupa mollada, tropical, deses días que parece que se mastiga o aire, por iso existe a palabra “bochorno”. E si, estas sensacións son máis difíciles de obxectivar que o puramente medido polos termómetros, pero convirán comigo en que vaia se existen. A “sensación térmica” como interpretación combinatoria deses tres elementos que inflúen no benestar ou incomodidade é unha orientación que non está de máis. Outra cousa é que nos abafen continuamente con noticias do tempo. Que quedaría dos telediarios se lles sacamos Cataluña, o tempo, a violencia de xénero, a corrupción política, crónica de tribunais, e o fútbol? E hai vida máis alá. Seguro. Apaguen a tele e verán. 

Te puede interesar