Opinión

SHAKESPEARE, DESDE OURENSE

Este ano 2011 de desacougos, problemas e esperanzas, déixanos tamén unha excelente noticia editorial xestada, pouco e pouco, nos días e noites da cidade. Trátase de dous libros simultáneos pensados, remoídos e mimados polo profesor Ramón Gutiérrez Izquierdo. E se non é habitual dar ao prelo dous libros á vez, menos aínda que sexan dúas traducións paralelas desde a lingua de Shakespeare a galego e castelán.


Falamos dunha obra cume da nosa grande cultura -da europea occidental- que son os Shakespear's sonets, os Sonetos de Shakespeare. Viron a luz primeira en 1609, e no seu catrocentos aniversario estaban preparados xa para o prelo nesta edición castelá e, tamén, por primeira vez, en lingua galega, segundo a data da fermosísima nota da dedicatoria á filla Sara -quen resolveu aquelas dúbidas que eu tiña en tantos versos para os que escribín diferentes versións: por máis que eu me enganase pensando que todas eran aceptables só habia unha máis ou menos idónea, e ela soubo vela en cada caso -e a Fabiana, a súa amada compañeira ?débolle o tempo que lle roubei para entregarme a este empeño, e algún soño que perturbei, cantando sílabas e acentos mentres ela durmía-.


Ambas traducións son, como é aconsellable no mundo da poesía, bilingües: nas páxinas pares aparecen os poemas en inglés e nas impares, en galego ou castelán. Shakespeare escribe o seu escuro amor en 154 sonetos que o profesor Gutiérrez Izquierdo agrupa dunha forma novedosa, en catro grupos temáticos. Porque o noso conveciño fixo moito máis que simples traducións: construiu un estudo serio, rigoroso da obra, impecablemente transparente, ao longo de case oitocentas páxinas. Si, o profesor Gutiérrez Izquiedro ispe o proceso do seu traballo e debulla nas notas, soneto a soneto, verso a verso, o significado concreto das palabras daquel vello inglés e os entendementos e evocacións profundas que tras delas se acochan, para darnos, finalmente, as escollas romances. Estamos, pois, perante un esforzo lingüístico e estético enorme ?levoulle dez anos- para que poidamos saborear con calma, soneto a soneto. ¿E como se logra transformar en goce e pracer estético romance, mantendo a maxia e as dúbidas orixinais, uns versos hendecasílabos ingleses acugulados de monosílabos -o 75 % do léxico-, as máis das veces crípticos, e verquelos en alexandrinos cun esquema de rimas moi próximo ao orixinal? Pois con sabiduría, mestría e esforzo. Como está feito. Por iso o felicitou John Rutherford, o amigo da cultura galega da Universidade de Oxford.


Ramón Gutiérrez Izquierdo, co apoio da Consellería de Cultura fai, pois, que vexa a luz un produto excelente en Edicións de Xerais de Galicia, a mesma editorial na que publicara en 2000 o seu libro de introdución á literatura galega a través de textos comentados, Lecturas de Nós.


A versións castelá, máis modesta na súa produción material, correspóndese co volume 780 da especializada Colección Visor de Poesía. Calquera deles, un fermoso regalo para as próximas festas. O amor de Shakespeare relido maxistralmente desde Ourense nas nosas linguas principais. En calquera delas.

Te puede interesar