Opinión

Sobre superioridades morais

Creo que non viña mal facer apoloxía da moderación. Si. Todos sabemos que é boa cousa tomar o sol, beber, conducir, facer exercicio, comportarse nas relacións humanas con moderación. Ou sexa, medirse e non sobreactuar. 

E isto pode vir a conto dun certo clima dominante en esferas públicas da vida social, en que as opinións máis extremas nas cuestións políticas, vivenciais, ou nas relacións home-muller, tenden a menosprezar as máis moderadas como se as primeiras tivesen unha superioridade moral sobre as segundas. E de aí que se poida chegar a construír un canon de comportamento, incluso, disparatado. Son os humanos herbívoros superiores moralmente aos que comemos xamón? Axiña están prestas as palabras “fascista” ou “machista” para quen manteña en voz alta opinión distintas ao último discurso dominante. A min gústanme os elefantes no circo, ceder o paso nas portas, os entrecots pouco feitos, e usar a lingua conforme á historia.

E esta preeminencia do radicalismo é especialmente visible nas redes. Se cadra ten algo que ver cunha psicoloxía do internauta que tende a ver a realidade no espello das consignas e opinións básicas -os razonamentos non poden ser de máis de 144 caracteres- difundidas no ciberespazo a modo de novos dogmas relixiosos. Por iso, cando hai eleccións, entran en crise. 

As palabras gástanse e as realidades seguen. En Estados Unidos dicíase “nigger” hai un cento de anos. Logo pasouse a dicir “black” porque “nigger” era despectivo. Logo “black” deixoulle paso a “coloured people”, que tamén se gastou e pasou a “afroamerican”, o politicamente correcto hoxe. Hai algúns pensadores rupturistas que se negan a usar “afroamerican” e usan de novo “black” e “white” porque din que de falaren de “afroamerican” tamén deberían dicir “euroamericans” deixando a palabra “american” só para os indíxenas. En fin, din que esas cuestións puramente terminolóxicas só afectan ao campo dos significantes, sen ningunha influencia no dos significados. A cháchara só afecta á lingua. O de limpar o baño, fregar os pratos ou cambiar os cueiros, vai por outra vía.

E preocúpame porque a maioría de nós somos sensibles aos problemas da sociedade -digamos por exemplo, suicidio, violencia, accidentes, cambio climático, incendios forestais, organización territorial do estado...- e temos as nosas opinións. E non é lóxico que algúns pretendan ter unha voz única que dogmatice e dicte normas de corrección. Por exemplo, a min os homes que falan en feminino plural danme risa, igual que unha moza que o outro día fixo cambiar nunha acta “o público” por “a sociedade” porque dicía que estaba farta de masculinos no texto. En fin, ningún dos practicantes destes dous exemplos extremos poden, por esa radicalidade lingüística, pretenderen estar “máis á favor das mulleres” ca calquera cidadán que fale co normal. Así, tamén, ningún galego solidario co independentismo catalán ten ningún tipo de preeminencia ou superioridade moral fronte aos defensores da monarquía constitucional e autonómica. Faltaría máis. E un ve que nas redes sociais -esa marabillosa biblioteca e grande cloaca democrática onde tanto ocupa a palabra do sabio como a do burro- ferven os insultos e os disparates como se a realidade non existise. A moderación nas redes tamén é cousa desexable. Hai que facer pedagoxía da moderación vital. Para vivirmos máis con máis calma.

Te puede interesar