Opinión

O tango e aquelas eleccións

Imos ver, o dobre de cero é cero. Ou sexa, o dobre de nada tamén é nada. E se o tango di que vinte anos non son nada, pois corenta anos deberían ser o dobre de nada, ou sexa, nada.

E eu, máis cartesiano que tanguista, creo que vinte anos son moito e que corenta anos se non son toda unha vida, si polo menos son a cerna, o centro, o miolo, a etapa máis plena e produtiva dunha vida.

Pensemos na España de 1977 e na de hoxe. Corenta anos. Moitas cousas. Empecemos polas distancias. Primeiro cronológicas. Desde o centro da Guerra Civil ata as eleccións de 1977 pasou o mesmo tempo que desde elas a hoxe, ou sexa eses outrora famosos “corenta anos”, ou un “franquenio” na cháchara simpática de don Carlos Alonso del Real, na Universidade compostelá. Sigamos. Os soldadiños que tivesen vinte anos naquela guerra dos vellos antepasados, terían hoxe cen. E os mandos, os que cortaban o bacallau, os que intoxicaban o sangue dos mociños, terían daquela uns 40 ou 50 anos, e hoxe, logo, uns 120 ou 130 anos. Destes, que se saiba non queda ningún. E do resto, pois tempo de máis, por suposto, para considerar aquela vella traxedia desde un punto de vista que non sexa o puramente histórico. E se trascendeu a traxedia á realidade cotiá, milita na división histórica, xunto con Castromao, os íberos, Colón, os Reis Católicos, Viriato, Pedro Madruga, Rosalía de Castro ou o Marracús, por dicir algo. Nada daquel mundo case medieval no material e ideolóxico de hai oitenta anos ten que ver connosco. 

A nosa sociedade do benestar actual na que recoñecemos problemas porque imos elevando o listón conforme ao paso do tempo e ao esquecemento dos sabañóns, é filla da xestión de todos os gobernos do bendito “réxime do 78” e do impulso social ilusionado que había detrás. E percorremos nestes anos a distancia do benestar. O camiño non foi nada fácil. O golpismo, o terrorismo estaban aí, pero a sensatez -concepto a revalorizar- dos líderes dominantes o do groso da poboación fixo que as cousas fosen, material e socialmente, a mellor. E digo líderes dominantes porque sempre houbo personaxes insensatos tratando de exercer influencias tóxicas. Foi unha sorte que Blas Piñar ou Enríque Lister, por exemplo, quedasen arrombados pola historia e que a xente virase de costas aos extremos, a Fuerza Nueva ou Partido Comunista de España (r), aínda que nos fixeran chorar cos seus enxendros violentos, chamásense Guerrilleros de Cristo Rey ou GRAPO.

Por iso só desde a insensatez se pode falar despectivamente da transición e do réxime do 78, e desde a irresponsabilidade se pode tratar de desprestixiar as vontades e acordos que trouxeron o período máis pacífico, produtivo e libre da historia de España. Que foi un acordo entre os herdeiros dos dous bandos da guerra de había corenta anos? Pois fenomenal. Nin Adolfo Suárez e os seus deputados tiñan nada que ver con Franco, nin Felipe González nin Alfonso Guerra tiñan nada que ver coa queima de igrexas na, por exemplo, Asturias de 1934. 

Neste mundo avolto e con gravísimas ameazas, tantas máis canto máis interdependentes son as partes, debemos pensar expansivamente, con alma e con calma. Por iso, como dicía outro tango tamén, non se pode vivir “como abrazado a un rencor”. Mil primaveras máis para o bendito -e perfectible, por suposto- “réxime do 78”.

Te puede interesar